Telecinco emitirá hoxe a reportaxe do falso médico Coté

Telecinco emitirá hoxe a reportaxe do falso médico Coté

08 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Coté durme desde esta mañá no cárcere”. Asegúrao Mercedes Milá no seu blog. A xornalista elaborou unha reportaxe na que se deixa ao descuberto os tratementos ilegais do falso médico ferrolán coñecido como Coté. Telecinco emitirá esta reportaxe de “Diario de…” ás doce e media da madrugada.

Segundo moitos dos seus pacientes, José Manuel López Pérez, máis coñecido como Coté, estafou e xogou coa desesperación de moitas persoas, facéndoas crer que estaban enfermas ou medicándoas sen ter o título de medicina. Os afectados crearon a “Asociación de Víctimas de Coté” e puxéronse en contacto co programa “Diario de…” que presenta Mercedes Milá. A xornalista interesouse polo caso e hoxe poderemos ver o resultado final do seu traballo en Telecinco. Milá espera que a raíz desta reportaxe moitos afectados e axudantes do suposto médico uniranse á causa e acusarán a Coté diante da xustiza.
Esta semana houbo dúas novas detencións no caso. Trátase da esteticista da clínica na que supostamente traballaba Coté e dunha médica rusa que daba soporte legal aos volantes expedidos. Tamén esta semana Coté declarou ante a xuíza de Ferrol que se ocupa do caso. Despois de escoitar a súa declaración, na que Coté afirmaba que é licenciado en medicina pola universidade de Sevilla, a xuíza decretou o seu ingreso en prisión. Impútanselle delitos de intrusismo e continuidade de estafa.

Sociedade