As telleiras de Furelos na Festa do Melindre

As telleiras de Furelos na Festa do Melindre

08 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Moitos visitantes agárdanse este domingo en Melide. Un completo programa de actividades rodea á Festa do Melindre. As dúas da tarde proxectaráse un documental sobre a actividade das telleiras en Furelos, Piñor e O Leboreiro. Ao rematar comezará a degustación gratuita de melindres, ricos e amendoados. Todo na Praza do Convento.

A Festa do Melindre acolle unha exposición dos carteis dos 20 anos da celebración. A mostra amosa os carteis que anunciaron a festa dende o seu inicio, no ano 1991, e está colocada na planta baixa da Casa do Concello. Este domingo a Festa do Melindre abre ás 12h, e rematará coa programación infantil a última hora da tarde.

A planta baixa da Casa do Concello de Melide acolle este domingo unha ollada á historia da Festa do Melindre a través dos seus carteis. O Concello recompilou todos os carteis que anunciaron a festa dende a súa primeira edición, no ano 1991, ata o día de hoxe, no que se celebra a edición número 20.

Os únicos dous anos dos que non foi posible documentar o cartel foron os anos 98 e 99, dos que non se conserva rexistro. O concelleiro de Promoción Económica, e organizador da festa, Antonio Díaz, destacou que “foi un traballo minucioso de documentación con distintas persoas e organismos, pero á fin temos unha visión case completa destes vinte anos de festa”.

Os carteis forman unha exposición que está xa colocada na planta baixa da Casa do Concello, onde o domingo, día da Festa do Melindre, se proxectará, ás 14h o documental “As telleiras”, unha peza audiovisual inédita que recolle a tradición deste oficio tradicional nos lugares melidenses de Furelos, Piñor e O Leboreiro. O oficio dos telleiros é o protagonista este ano da XX Festa do Melindre, cuxo pregón, ás 12.30h será pronunciado polo actor Manuel San Martín, que encarna a Manuel Cabanas na serie “Libro de familia” que se roda en Melide dende hai anos e se emite cada domingo na TVG.

O Concello de Melide estrea ademais nesta XX edición da festa catro novos stands de aluminio que reforzarán a infraestrutura desta festa para os vindeiros anos, e que xa están colocados na Praza do Convento para acoller os melindres, ricos e amendoados das casas reposteiras de Melide.

A programación deste domingo de festa en Melide dará comezo ás 12h coa apertura dos stands de artesanía e a música de Axóuxere e Os Melidaos;  continuará co pregón ás 12.30h, a homenaxe aos telleiros, a degustación gratuíta de melindres, ricos e amendoados e a proxección do documental “As telleiras” ás 14h. Pola tarde, ás 17.30h darase a coñecer o fallo do xurado do IV Certame de debuxo Melindresricos, no que participaron 65 rapaces e rapazas, e pecharase coa actuación teatral dos títeres de Cachirulo na Praza do Convento ás 18h.

Sociedade