A tenrura infinita do queixo galego

A tenrura infinita do queixo galego
15 de Marzo, 2019 - 08:52 h. | Publicada por Radio Fene

Galicia é queixeira. Dicia Álvaro Cunqueiro que nas máis das feiras galegas, en cestas, sobre palla e branco mantel, se ofrecían ao feirante os queixos da comarca. Os queixos hoxendia prodúcense con todas as garantías sanitarias e de salubridade. Conservan a forma e sabor característico. Blando, mantecoso ou afumado, de calquera das denominacións de orixe. Porque o queixo noso ofrece un sabor que lles ven moi do fondo, e que se calla na boca do degustador cunha tenrura infinita, que a moitos debe lembrarlles os dias de teta e biberón, tan lonxanos, pero que algunha memoria deberon deixar: é unha caricia mansa, unha blandura agridoce. Pero tamén é un queixo, un queixo feito e dereito

ESCOITA O PODCAST:

Programa especial sobre a Feira do Queixo de Moeche con Alfonso Eiroa (Lácteos de Moeche), Fernando Campos (Taberna Irmandiños) Paco Moar (Casa Pena) Ana Vence (Campo Capela) e Beatriz Bascoy (Alcaldesa de Moeche) http://173.255.131.18/audio/140319QUEIXO.mp3

Feira do Queixo de Moeche

O café A Vaca de Ferrol foi o elixido para presentar a IV Feira do Queixo de Moeche. Apoiar o queixo e o sector lácteo; dinamizar o concello e aproveitar a infraestructura que teñen, son os obxectivos da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.

Queixos de firmas pequenas pero de moita calidade é o que distingue a esta feira que este ano homenaxea ao queixo asturiano Gamonéu. Lácteos de Moeche presenta o seu queixo ecolóxico lanzado ao mercado recentemente e Campo Capela levará o queixo mouro elaborado por leite crú e bañado en café e canela.

Obradoiros infantís de queixos e cerámica; o concurso de receitas dúas catas comentadas por Alejandro Montes, un espectáculo circense ou a visita ao castelo, son outros alicientes da xornada do domingo en Moeche. A feira abrirá os postos ás dez da mañá e permanecerá aberta ata as sete e media da tarde deste domingo 17 de marzo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora