Terá que ser o conselleiro de Educación o que pase unha reválida

Terá que ser o conselleiro de Educación o que pase unha reválida

25 de Maio, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fixou nun 82% no conxunto da comunidade, o absentismo na avaliación de 3º de Primaria, que se iniciou onte e continúa hoxe nos colexios galegos. "É lixeiramente superior ao 80% alcanzado na reválida de 6º", expresaron desde a plataforma, na que se integran sindicatos, ANPAs e asociacións estudantís que están en contra das reválidas e da Lomce.

O voceiro da Plataforma Anxo Louzao reclamou de novo á Xunta que "mude o empeño de continuar adiante" cunhas probas "que nada achegan, que son inútiles, estériles e que pretenden xerarquizar e discriminar socialmente ao alumnado máis desfavorecido". A plataforma acusou así á Consellería de Educación de introducir aos centros "nunha competición" á vez que "xerarquiza as materias e marxina a outras" que quedan fóra desta avaliación. Louzao mantén que as probas son prexudiciais para o ensino público e afirmou que terá que ser o conselleiro de Educación Román Rodríguez o que pase unha reválida.

A consellería de Educación calculou nun 40% as ausencias nas probas de reválida e cualificou de "acoso político" a mobilización impulsada por colectivos educativos, aos que acusou de iniciar "un debate bastante egoísta" con intereses "máis aló dos educativos". O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, concedeu que houbo menos alumnos que acudiron aos exames de 3º curso que o pasado ano.

Sociedade