Ti tes a chave

Ti tes a chave
02 de Xuño, 2020 - 12:16 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene pon en marcha diferentes medidas de apoio ao comercio local, de todos os sectores. A estrela é a posta en marcha dun Centro Comercial online ao que poderán apuntarse todos os autónomos do termo municipal. A cidadanía ten a chave para potenciar o comercio local.

ESCOITA O PODCAST:

O concello de Fene puxo en marcha unha campaña de promoción do comercio local que abranguerá a todos os autónomos do concello. A Covid19 obrigou a cambiar moitos proxectos que agora se adaptan á situación de crise sanitaria que aínda estamos a pasar. A primeira medida é a creación dun Centro Comercial online, unha páxina onde podan participar todos os autónomos que o desexen, que se identificarían cunha imaxe exterior do seu negocio e varias fotos do interior cos seus productos. A concelleira de Promoción Económica de Fene explicounos o mecanismo. Consistirá en buscar, por exemplo, zapaterías ou fontanerías, etc e, na que elixamos, poderemos efectuar as compras a través desa páxina.  Neste momento estanse ultimando aspectos como a forma de pago.

Ana Basoa non ten constancia oficial do peche de negocios a causa da crise sanitaria pero é consciente de que algún non abriu aínda as portas. O concello arbitrou outras medidas de apoio ao comercio local como a exención de pago das taxas ás terrazas de hostalería ou o aprazamento do pago dos recibos de auga e recollida do lixo, mentres dure a pandemia. Paralelamente, Basoa informa da distribución de carteis que xa están colocados nos negocios coas medidas de seguridade a adoptar e tamén se repartiron 6000 bolsas co lema “Merca en Fene” . “Un vídeo colgado na rede fomenta as compras no comercio de proximidade” engade Ana basoa quen explica que, cando se permita, o concello contratará músicos locais para amenizar as zonas comerciais e dar vida ao sector comercial. Noutra orde de cousas, abrirase unha páxina de turismo para informar aos visitantes. A Deputación provincial subvenciona a contratación dun técnico en turismo que "de momento está adiada ata que se poda", en palabras da concelleira fenesa de Promoción Económica.

Institucional

Publica o teu comentario agora