Toda unha vida no “Mundial”

Toda unha vida no “Mundial”

08 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

En poucos meses, a propietaria do restaurante “Mundial” de Fene, Dina Rivera, ven de acadar dous importantes galardóns. Primeiro recibiu en setembro o premio da Federación de Empresarios de Hostalería de Galicia. A este recoñecemento sumouse o pasado venres o premio “Labor de toda unha Vida”, concedido polo xurado do certame “Gastronomía de Galicia” do Concello de Lalín.

Leva 36 anos ao fronte do restaurante e, polo de agora, non pensa en xubilarse. Para Dina Rivera, o “Mundial” representa unha parte moi importante da súa vida. É o negocio que ela e mailo seu marido fundaron en 1974, despois de pasar varios anos na emigración. Ambos os dous eran naturais de As Pontes pero escolleron Fene para vivir e traballar , aproveitando que xa tiñan familia no concello.

Dina Rivera ten pasado na cociña do Mundial ata dezasete ou dezaoito horas diarias. Lembra que naqueles primeiros anos, nunha época aínda de moito traballo en Astano, no seu restaurante chegaron a servir máis de cen comidas diarias. Pero o peor chegou coa reconversión. Dos cinco empregados que tiñan no restaurante "houbo que reducir a tres" porque, segundo asegurou a Radiofusión, o traballo foi indo a menos e apenas se servían vinte comidas ao día.

Experta cociñeira, Dina Rivera explica que foi en Londres – naqueles anos que pasou na emigración- onde realmente aprendeu a manexarse entre os fogóns. Asegura que tivo bos mestres e que con eles tivo oportunidade de coñecer algúns dos segredos da cociña francesa, inglesa e mesmo da repostería italiana. Algúns dos pratos que aprendeu daquela, mantéñense aínda hoxe no menú do restaurante “Mundial”. É o caso da súa famosa zarzuela de peixe e marisco, o entrecot “Diana”,  o tournedó Rossini ou o solomillo “café de París”.

Sociedade