Todo é silencio

Todo é silencio

02 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Apelamos a vostedes, cos que o presidente Feijóo ten liña directa. É unha das fórmulas que máis adoita empregar nos seus discursos, arroupado como está por unha gran cantidade de sufraxios que, en función das leis electorais, lle deron por dúas veces a maioría absoluta no Parlamento. Con ese colchón, o xefe da Xunta permítese dicir acotío: “os galegos queren”, “os galegos pensan”, “os galeg

 E un pensa que, claro, se os galegos e galegas somos tan intelixentes como sempre di o presidente, daquela esas fotos son algo máis que fotos. Porque se só fosen fotos, como di Núñez Feijóo, daquela estariamos comentando o ben que se conserva o líder do PPdeG vinte anos despois, como seguen estando á moda os seus lentes de sol, que gusto dá pensar nun día solleiro de baño nas Cíes, o que horroroso look preppy-chic vestía o inquilino de Monte Pío con aquel chaquetón de cadros negros e vermellos. E iso estaría ben se Dorado fose só un colega de copas do alto funcionario Feijóo nas noites de Sanxenxo. Pero atribuír á torpeza ou á inxenuidade o descoñecemento do oficio do seu xa daquela famoso compañeiro de zodiac é fiar moito ao que os galegos poidan querer, pensar ou decidir, que diría o presidente.

Tan digno de aplauso é que o presidente galego compareza a dar explicacións como vén de facer como criticable que estas sexan febles e insatisfactorias. Porque el sabe ben que o importante desas fotos non é que hoxe, 20 anos despois daquelas vacacións, Marcial Dorado cumpra condena no cárcere, senón que hoxe el é presidente dun país e debe responder con responsabilidade.

Pero claro, “os galegos queren, pensan e deciden” do xeito que a el lle convén, establece o presidente, cuxa comparecencia de onte serviu para disparar a inimigos imaxinarios en tanto que non pode ou non quere identificalos. Máis aínda: a súa rolda de prensa, poida que a peor da súa vida pola causa sobre a mesa e polo seu pobre desempeño, nin sequera estaba dirixida aos galegos, senón a Madrid, onde antes para Núñez Feijóo todo era festa e hoxe, como no título da novela de Rivas, “Todo é silencio”.

Explicacións

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou este luns presentar a súa dimisión como lle piden os grupos da oposición porque "actuou sempre dentro da lei", e afirmou que "non asinou en absoluto" contratos con empresas vinculadas coa "persoa que aparece nas fotos" publicadas por 'El País', o narcotraficante Marcial Dorado, nin durante a súa etapa como alto cargo do Sergas nin tampouco cando estivo á fronte do Insalud. "Nunca asinei, nin adxudiquei, nin concedín ningún contrato con ningunha empresa deste señor", manifestou o dirixente popular, quen compareceu ante os medios no Parlamento autonómico, tras reunirse co seu grupo, flanqueado polo seu número dous no partido e na Xunta, Alfonso Rueda; o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, e os vicevoceiros populares na Cámara, Marta Rodríguez Arias e Román Rodríguez.

Coa conciencia "moi tranquila", reafirmouse en que "non lle sorprende" a publicación das imaxes posto que coñecía a súa existencia "dende 2003 ou 2004", cando se lle "advertiu" de que poderían saír "nalgún medio de comunicación". Volveu asegurar que coa publicación das imaxes quéreno amedrentar, mais sen especificar quen sería o suposto acosador. Mais advertiuse certa contradición entre a ameaza que denunciou e o feito de que ao cabo, segundo Feijóo, as fotos “só son fotos”.
A preguntas dos xornalistas sobre a súa relación con Dorado o presidente explicou que, a principios dos anos 90, entra en contacto con el a través dun amigo na Administración autonómica, en alusión a Manuel Cruz, que figura como home de palla de dourado nun informe da Axencia Tributaria e que, segundo relata 'El País', exerceu de chofer na Xunta. Preguntado sobre como podía descoñecer as actividades de Marcial Dorado tras o impacto mediático da 'Operación Nécora', explicou que, cando el mantivo contacto con este, non había ningunha sentenza condenatoria na súa contra. Feijóo admitiu a súa "torpeza" e "inxenuidade", ao tempo que lamentou "non investigar máis" con anterioridade.

O presidente dos populares galegos tamén quixo precisar algunhas das afirmacións que fixo nas últimas horas. Explicou que, ao parecer, unha das viaxes de lecer que compartiu co contrabandista e narcotraficante fora aos Picos de Europa e non a Andorra, como pensara nun principio. Dixo non lembrar quen pagaba os gastos naquelas estadías e, verbo da confusión sobre o lugar de vacacións, resolveu que en calquera caso no lugar “había neve”.

Reaccións

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, advertiu de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantiña unha "relación estable" cunha persoa "catalogada como narcotraficante" nos propios medios de  comunicación e que fora detida e "condenada" nos anos 80. Neste sentido, considerou que "ninguén pode seguir sendo presidente do Goberno galego con esta carga ás costas". O dirixente socialista considerou que "non hai ninguén en Galicia que crea que Feijóo", de quen recordou que era alto cargo da Consellería de Sanidade, "non sabía no ano 95 quen era Marcial Dorado". "Non se trata de dúas persoas que se van de paseo nun barco, trátase dun narco recoñecido e dun alto cargo de Sanidade", ilustrou. Pachi Vázquez, que cualificou "os feitos de extrema gravidade", preguntouse "de que falaron" Feijóo e Dorado nesas "viaxes a Andorra" e recordou que "moita xente" en Vilagarcía "ía a Andorra e non precisamente a facer turismo" naquela época.

A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, asegurou que as fotografías do presidente da Xunta son "uns feitos gravísimos" que "merecen a reprobación política", é dicir, a "dimisión" do mandatario autonómico. Yolanda Díaz advertiu de que "non son unhas relacións normais" e se preguntou "qué tipo de negocios facía o señor Feijóo co señor Dorado e "qué tipo de viaxes a Andorra". A dirixente política rememorou que "como con naturalidade" nas listas do PP nos anos 90 "concorrían persoas vinculadas ao narcotráfico", de aí que cualificara de "amizades perigosas" a de Feijóo con Dorado. Tamén preguntouse sobre un posible financiamento ilegal do PP.

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, esixiu este luns a "dimisión inmediata" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao interpretar que esta é a única resposta "posible" tras constatarse "as súas relacións persoais cun capo da mafia do narcotráfico" e advertiu de que "rexenerar a democracia", unha expresión utilizada reiteradamente polo mandatario autonómico, esixe "medidas exemplarizantes". Jorquera subliñou que en calquera país "cunha democracia minimamente asentada" se dimite por feitos "de moita menor gravidade". Tamén lembrou que na época na que mantivo unha "relación" con Feijóo, Dorado xa fora "detido dous veces", estivera en "prisión preventiva" e fora obxecto de "investigacións internacionais" sobre a súa implicación en actuacións de "branqueo de diñeiro a grande escala".

Sociedade