Todo anuncia a primavera

Todo anuncia a primavera
25 de Febreiro, 2020 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

Todo anuncia a primavera, que o sangue altera: as mimosas, as camelias, as bandadas de estorniños, os dias que alongan as horas de luz, o sol manso que asoma apoucado, ... E compre celebralo. Dáselle entrada co Entroido e festéxase con ancestrais tradicións. O primeiro será acoutar os espazos da celebración, erguendo, a xeito de bandeira, de ídolo entronizado no centro da praza, na eira, na encrucillada, un moneco xigante, feito de palla, trapos e cartón, como un espantallo para ameazas de ruíns fados e tristuras.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa sobre o Entroido con Felipe Senén López

http://173.255.131.18/audio/240120LOPEZ.mp3

Viuva do Entroido. Fene 2019

O Entroido sucumbirá, será despedido tras condución fúnebre multitudinaria, acompañada en Enterro da Sardiña, figura de retranqueira lectura, xa que sería o peixe o que habería que xantar desde entón, segundo manda a Coresma, para despedirse temporalmente das carnes. Choqueiro funeral, acompañado da lectura de testamento entre comitiva de falsos cregos, viúvas, choronas... para ser despedido, chamuscado, queimado ao pé da Casa do Concello. Remata así en cinza gris o colorido tempo de liberdades do Entroido, para nesa dialéctica vital abrir a antítese, as regras e o sometemento da Coresma. E ao cabo dun ano, o Entroido e o Meco rexurdirán das súas cinzas, segundo anuncia o estudoso Felipe Senén López.

Cultura

Publica o teu comentario agora