A todo cross

A todo cross

25 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O vindeiro día 6 de marzo o municipio ordense acollerá a celebración dunha das súas citas deportivas ineludibles nos últimos anos, o III Cross Ambiental Concello de Ordes “Memorial Estebo Jose”, que incluirá tamén unha proba de canicross puntuable para a Liga Galega. Unha cita deportiva, organizada polo Clube Atletismo Ordes e que conta coa colaboración do Concello.

A primeira das probas que se disputará será a de canicross a partir das 10:15 horas, unha proba dunha distancia de 8.500 metros e que será puntuable para a Liga Galega. Tras esta proba seguirán as do resto das categorías, que irán dende os 0  anos a máis de 65, e que suporán o percorrido de diferentes distancias dependendo da categoría. Todas as saídas realizaranse dende o campo da feira de Ordes.
 
As persoas que estean interesadas en participar deberán realizar a súa inscrición ata o 3 de marzo ás 20 horas a través de www.championchipnorte.com. O día da proba non se admitirán inscricións. 

En canto aos trofeos, haberá para os tres primeiros de cada categoría, para os tres primeiros corredores do municipio na carreira absoluta, e premios en metálico para os tres primeiros da carreira absoluta e os tres primeiros da proba de canicross. Ademais haberá medallas para as categorías dos máis pequenos e regalo dunha entrada para o Museo do traxe Juan José Liñares de Ordes a todos os participantes.

Deportes