Todo o mundo namora do Adriano

Todo o mundo namora do Adriano
23 de Abril, 2020 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

A colaboración entre diferentes persoas, unha execución sostible, a actuación por fases e a axuda administrativa poden lograr que o cine Adriano de Barallobre se salve da ruína. A asociación Probeta, experta en autoconstrucción colectiva, está colaborando coa asociación Patio de Butacas para lograr a rehabilitación do cine.

ESCOITA O PODCAST:

Todo empezou nun encontro. O estudio de arquitectura Recetas Urbanas promove nunha exposición titulada “Usted está aquí” en colaboración coa Facultade de Socioloxía de A Coruña. Alí se coñeceron a asociación Probeta e Patio de Butacas. Cando a arquitecta Nieves Frías coñeceu o cine Adriano, namorouse del. “É unha marabilla. Todo o mundo se namora del” afirma Frías, con experiencia a través da asociación Probeta, en proxectos de auto construción colectiva que empezou no 2014 na ampliación da Escola Superior de Deseño de Madrid. A colaboración con Patio de Butacas prosperou e neste momento xa teñen presentada unha petición de subvención á Deputación da Coruña para emprender a recuperación do cinema fenés. Porque a traba máis importante para rehabilitar o Adriano de Barallobre é económica. Arredor dun millón de euros se necesitarían para volvelo a poñer en valor. “Un millón de euros que parece unha barbaridade pero hai maneiras de alivialo, con persoas que poden participar e tamén acometendo obras dun xeito máis sostible”, explica Nieves Frías.

A rehabilitación debe acometerse en fases, acondicionando espazos que se poden ir usando. O primeiro paso é impermeabilizar a cuberta porque daí ven principalmente o deterioro do inmoble, nos aclara Frías. O segundo será a reposición de toda a carpintería. O cine está incluído no Catálogo de Bens do Plan Xeral de Ordenación Municipal e debe utilizarse para promoción cultural da comunidade. O futuro uso do espazo  necesita de moitas persoas e Probeta ofreceuse como ferramenta. “Patio de Butacas xa acometeu algún amaños urxentes pero a formación técnica desta asociación fará que o proceso sexa máis eficaz” sentencia Nieves Frías.

(Na imaxe, visita de Noemí di Battista, da asociación Probeta ao cine Adriano)

Cultura

Publica o teu comentario agora