Todo queda na casa

Guirnaldas, panxoliñas e Papá Noel serán a seña de identidade do comercio local de Fene nunha nova campaña de Nadal.
12 de Decembro, 2018 - 11:42 h. | Publicada por Radio Fene

Papá Noel visitará o comercio local de Fene para recoller as peticións dos máis pequenos. Os comerciantes repartirán 2.500 bolsas reutilizables e sortearán tres cestas. Concello e comercio propoñen adiantar as compras de Nadal con promocións, sorteos e agasallos. Mercar en Fene é o obxectivo final da campaña especial que impulsan concello e asociación O Cruceiro, de xoves a sábado, baixo o lema "Merca en Fene. Todo queda na casa"

Baixo o lema “Adianta o teu Nadal. Merca en Fene, todo queda na casa”, concello e comercio local poñen en marcha este xoves 13, venres 14 e sábado 15, unha campaña especial coa que favorecer as compras nestas épocas tan especiais. Para iso, os establecementos feneses ofrecerán promocións e descontos e, cada cliente, recibirá vales para participar no sorteo de tres cestas valoradas en máis de 150 euros cada unha. Sorteo que se celebrará o vindeiro 21 de decembro ás 11 horas no salón de plenos da casa consistorial.

As rúas de Fene contarán con ambientación musical, máis concretamente coas tradicionais panxoliñas. O ambiente festivo completarase con decoración propia destas datas. As guirnaldas identificarán os establecementos adheridos á iniciativa e que na súa maioría pertencen á asociación de comercio, hostalería e servizos O Cruceiro, entidade que colabora activamente no proxecto. Ademais, Castro sinalou que o Concello repartirá 2.500 bolsas elaboradas con material reciclado e reutilizable e Papá Noel anticipará a súa visita aoss fogares do municipio cun percorrido polos establecementos, xoves e venres en horario de tarde e o sábado, de mañá e tarde. Alicientes todos eles para atraer a veciños e visitantes ó comercio local e favorecer as compras en establecementos cuxa seña de identidade é a calidade e o bo trato.

Institucional

Publica o teu comentario agora