Todos os “Días pasan cousas”

Todos os “Días pasan cousas”

16 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

El Mandaíto Producciones presentará este domingo ás 19.30 horas no Teatro Jofre o espectáculo de danza “Días pasan cousas”, enmarcado dentro do ciclo Domingos en danza e do itinerario cultural posto en marcha nesta tempada cultural pola Concellería de Cultura “Andalucía Conection” coa finalidade de dar a coñecer as produccións andaluzas máis destacadas do ano 2010.

Dunha hora e media de duración, “Días pasan cousas” está dirixida polo coreógrafo e director de escea onubense Guillermo Weickert, quen presenta unha colección de imaxes poderosas, de paisaxes construídas a partir de distintas linguaxes acrisoladas pola danza e o corpo. Unha invitación á contemplación, non para loitar contra o tempo senón para poñelo ao noso favor. A peza conta coa interpretación da bailarina cordobesa María Cabeza de Vaca e co arquitecto e actor sevillano José María Sánchez Rey, intérpretes deste espectáculo de danza contemporánea que nace a raíz da seguinte reflexión: avanzamos a toda velocidade cara a ningún sitio e consumimos a toda présa acontecementos que non modifican nada. Todo isto, condicionados pola necesidade de obter respostas inmediatas, insertados na engranaxe da tecnoloxía. 

Desta realidade parte o bailarín e coreógrafo Guillermo Weickert para plantexarse o sentido daqueles procesos que implican grandes porcións de tempo, esforzo, compromiso.., pero tamén para reflexionar sobre esas cousas inesperadas que non somos capaces de prever, que ocorren nun día calquera e que cambian para sempre a nosa esencia. Así pois, “Días pasan cousas” invita aos espectadores a reflexionar a través de preguntas como “¿Por qué nese momento sentimos como se a realidade golpeara a nosa cara?”, “¿É que vivimos unha realidade ficticia?”, “¿Pode un corpo físico proxectarse cara adiante no seu tempo?”.

Cultura