Tote King, Susana Seivane e os finalistas do Queixo Maquetón encherán de música Arzúa

Tote King, Susana Seivane e os finalistas do Queixo Maquetón encherán de música Arzúa

10 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Ao longo da extensa traxectoria da Festa do Queixo de Arzúa, tan gorentoso produto sempre estivo acompañado por unha intensa programación de actividades, entre as que destaca especialmente o programa musical. Tote King, Susana Seivane, Delinqüentes + Tomasito, Riobó, e a sesión musical e conferencia interactiva do lendario locutor de Radio 3, Chema Rey DJ son os protagonistas da 36 edici&oacu

Xosé Ramón Bernárdez, organizador do Queixo Maquetón, salientou en Radiofusión o récord de propostas recibidas nesta edición con 54 maquetas presentadas, 28 pertencentes a bandas galegas e todas as demais procedentes do resto do Estado. Ademais, o seu myspace recibiu máis de 2.500 visitas durante os tres meses que estivo aberta a convocatoria.

Para a elección do gañador, o Queixo Maquetón conta cun xurado de luxo: Roberto Nicieza (Pop Up Música), Chema Rey (Radio 3), Salvador García (Radio Vigo - Maketón Estrella Galicia), Josiño Carballo (Ernie Producciones) e o propio Xosé Ramón Bernárdez.

A final terá lugar o sábado ás seis da tarde e o gañador volverá actuar ás doce e media da madrugada. Deste xeito, pasadomañá, despois da final, ás nove e media da noite, comezarán as actuacións estelares con Tote King. O rapper andaluz presentará en Arzúa o seu novo disco, El Lado Oscuro de Gandhi, e dará paso despois á actuación de Delinqüentes + Tomasito, prevista para ás once da noite. A xornada rematará coa agardada sesión musical de Chema Rey a partir da unha e media da madrugada.

Xa na xornada do domingo, 13 de marzo, a programación musical comeza á unha da tarde coa conferencia e sesión musical de Chema Rey DJ,. O emblemático locutor de Radio 3 achegaranos á Historia do Rock a través de imaxe e son nunha sesión bailable que se prolongará ata ás dúas e media da tarde. Ás seis poderemos gozar coa actuación do quinteto acústico Riobó. Por último, a gaiteira Susana Seivane pechará a programación musical da 36 edición da Festa do Queixo cunha actuación que dará comezo ás sete e media da tarde.

Finalistas do Queixo Maquetón

Desde Euskadi chegan Zapatotipobota, un proxecto que eles mesmos denominan indietronic. Con guitarras rockeiras ao estilo Ira Kaplan ou J. Mascis e voz rasgada, foron finalistas do XXII Villa de Bilbao e xa andan preparando o seu primeiro traballo. A representación galega é dobre e chega desde Vigo, como nas dúas edicións anteriores, co grupo Munich, que funde os sons dos oitenta máis escuros coas atmosferas actuais máis densas e profundas; e desde Chantada Le Cûl, unha banda que forma parte do que se deu en chamar “Galician Bizare”, un movemento musical que cada día está a cobrar maior protagonismo coas súas propostas afastadas dos convencionalismos e que seguramente dará ben que falar nos vindeiros anos.

Cultura