Traballo e ilusión

Traballo e ilusión

30 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Este luns 30 de setembro, é o primeiro dia de traballo e ilusión para o PSdeG - PSOE, segundo o seu dirixente José Ramón Gómez Besteiro. Esta tarde reúnese en Santiago de Compostela a executiva elexida no Congreso extraordinario desta fin de semana. Os 29 membros do órgano de dirección dos socialistas galegos escoitarán as propostas do novo lider.

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este domingo o congreso que lle ratificou como novo líder dos socialistas galegos proclamando que "o PSdeG volve e volve para quedar" co obxectivo de "conseguir o proxecto que tanto ansía e que se chama Galicia". No seu discurso de clausura en Santiago, agradeceu "a todos os que fixeron posible o proceso" que culminou o domingo e apostou por comezar desde este luns para "devolver a ilusión no futuro a toda a xente que o necesita". Dixo que chega para desputarlle o goberno da Xunta a Núñez Feijóo.
José Ramón Gómez Besteiro, o vencedor das primarias celebradas o pasado 7 de setembro, foi ratificado como secretario xeral do PSdeG co 95 por cento dos votos dos delegados do congreso extraordinario desta fin de semana. Malia que había 607 compromisarios con dereito a voto, unicamente participaron depositando a súa papeleta nas urnas consignadas para iso no Auditorio de Galicia un total de 549. Deles, un total de 520 foron a parar á candidatura de Besteiro, mentres que outras 29 persoas optaron por votar en branco. Os resultados foron recibidos cun amplísimo aplauso do plenario.
O novo secretario xeral dos socialistas galegos prometeu "entrega, traballo e decisión" para facer do PSdeG "a única alternativa real de goberno" fronte á dereita en Galicia e apostou por un partido "máis dinámico, máis democrático e máis transparente". Anunciou unha nova cultura de partido.

Besteiro, deu a coñecer este domingo quen serán as 28 persoas que lle acompañarán na súa tarefa de dirixir ao partido. Os primeiros postos da súa executiva serán para a santiaguesa Pilar Cancela, que se fará cargo de Organización, e para o alcalde das Pontes (A Coruña), Valentín González Formoso, responsable a partir de agora de Política Municipal. Pilar Cancela foi directora xeral de Relacións Laborais durante nove meses na Xunta liderada por Manuel Fraga e asumiu, posteriormente, o mesmo cargo, sendo presidente Emilio Pérez Touriño. Cancela manifestou que nunca militou nun partido que non fose o dos socialistas. Tamén apelou á responsabilidade do novo equipo executivo do PSdeG que recibiu un apoio case unánime da militancia.
González Formoso, pola súa banda, é unha persoa moi próxima ao novo xefe de filas e xa estivo na dirección socialista con Touriño. En 2012 tratou de facerse coas rendas do PSOE na súa provincia e quedou en terceiro posto --por detrás de José Manuel Lage Tuñas-- no conclave que gañou o exministro Francisco Caamaño.
Esta nova executiva presenta un grao de renovación de en torno ao 92 por cento, tendo en conta que o lucense mantén no seu equipo a un integrante da dirección formada por Pachi Vázquez, o exdiputado no Parlamento e no Congreso Luís Gómez Piña (A Cañiza, Pontevedra), que repetirá no ámbito da Política Territorial, situado agora no posto 17 da organigrama.
Ademais, o alcalde de Dumbría (A Coruña), José Manuel Pequeno, pasa de contar cunha vocalía na anterior executiva a asumir a Secretaría de Comercio, no número 21 da lista.
As agrupacións de Vigo e A Coruña, por esta orde, conseguiron meter no cuarto e quinto posto a un representante. Así, David Regades encargarase da Política Industrial; e Pedro Armas, de Políticas Demográficas, Estudos e Programas. Por detrás, nunha área considerada clave, o deputado nas Cortes Guillermo Meijón, líder do partido en Pontevedra, fíxose coa Secretaría de Política Institucional; mentres que o histórico Xaime Barreiro, director da escola de formación do PSdeG creada por Pachi Vázquez, queda con Economía. O voceiro da corrente Novo Socialismo Galego, Iván Puentes, ex alcalde de Fene asume Dereitos Cidadáns e Movementos Sociais.

O ata agora secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, aproveitou a súa última intervención no cargo para pedir á dirección federal do seu partido que tome "exemplo" das primarias celebradas en Galicia e, posteriormente, despediuse da militancia con palabras de "agradecemento". Pachi dixo marchar "coa convicción de dalo todo, co orgullo de ser secretario xeral dun gran partido e, sobre todo, co compromiso de seguir traballando estea onde estea polo partido e por Galicia". Fixo fincapé en que "como militante, deputado e membro da executiva federal,", traballará "con lealdade ao servizo da nova dirección". Finalmente pediu "traballo" para lograr "grandes resultados" nas próximas citas coas urnas, comezando polas europeas de 2014. Achegándose de máis ao micro e distorsionando, pediu á Executiva Federal que tome exemplo de Galicia.
Pois o secretario xeral dos socialistas, Alfredo Pérez Rubalcaba ben puido tomar nota desas mensaxes. Participou no Congreso e confesou na súa intervención que sempre lle gustara Gómez Besteiro, a quen ofreceu o seu apoio.
O congreso extraordinario do PsdeG deixou a imaxe para o recordo da xuntanza de Gómez Besteiro con todos os que o precederon no cargo de secretario xeral, incluíndo a Paco Vázquez ou aos ex presidentes da Xunta Fernando González Laxe ou Emilio Pérez Touriño.

Sociedade