A transición nas feiras do libro

A transición nas feiras do libro
06 de Xuño, 2021 - 07:01 h. | Publicada por Radio Allariz

A Feira do Libro de Ourense pechou as súas portas o sábado 5 de xuño cunhas boas sensacións entre os libreiros participantes. Trátase dun ano de transición pola situación sanitaria e tamén pola renovación da directiva de Federación de Librarías de Galicia, que desde o pasado mes de abril preside Ramón Dominguez da libraría Formatos da Coruña. Despois de Ourense, a próxima feira do libro será en Redondela entreo 17 e o 20 deste mes de xuño. 

Feira do Libro de Ourense. Xuño de 2021

"O mundo do libro, non podemos negalo, é un mundo cambiante, pero en absoluto agoniante como profetizan os apocalípticos con anteolleiras. Certo que os soportes multimedia, as novas ferramentas da comunicación, ofrecen novas posibilidades de lectura, pero iso non implica a defunción do libro impreso, ese obxecto ergonómico, que se adapta ben á man, de atractivo deseño, que tanto nos leva polos recantos da imaxinación como polos vieiros da erudición. Ese olor a tinta fresca, ese tacto do papel que evolucionou durante séculos, desde o papiro e os códices. Unha sensación única, un pracer para os sentidos" afirmou o escritor Miguel Anxo Fernández no pregón que abreu a feira en Ourense. 
A Federación de Librarías de Galicia renovou a súa xunta directiva tras as eleccións que gañou a candidatura alternativa organizada por unha plataforma de 15 librarías de distintas localidades. Cunha "mobilización importante" que propiciou que votasen máis de 60 por cento dos establecementos adscritos, o próximos catro anos terán á fronte a Ramón Domínguez, da libraría Formatos da Coruña, que apostou pola formación do sector e a relación coas Administracións como principais estratexias de futuro. Acompañanlle no directiva Cielo Fernández da libraría Baía de Foz; Carlos Blanco da libraría Nobel e Paula Veira de Lume, na Coruña; e Sandra Senda de Libros para Soñar, de Vigo. No entanto, Domínguez destacou o carácter integrador da plataforma, que "reflicte a realidade das librarías de Galicia" e cuxos integrantes participarán nas distintas comisións de traballo que se crearán nesta nova etapa. Así, referiuse á "diversidade" do ecosistema libreiro galego, "amplo e con moi bos profesionais".

 

Cultura

Publica o teu comentario agora