A traxedia de Siria centra o Dia Escolar da Non Violencia e a Paz

A traxedia de Siria centra o Dia Escolar da Non Violencia e a Paz

27 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O pobo de Siria centra a data do Dia Escolar da Non Violencia e a Paz en todos os colexios de Fene. Nos centros escolares preparan esta semana actividades que se desenvolverán o venres e máis o luns para sensibilizar á rapazada sobre os dereitos humanos das persoas que escapan da guerra e da fame.

No Colexio O Ramo de Barallobre están a elaborar textos e lemas arredor dunha sociedade laica, desenvolvida e igualitaria que padece nestes momentos as consecuencias da guerra. Unha pegatina especial, a solta de pombas e un festival celebraránse no Ramo este venres nunhas actividades que o colexio enlaza co proxecto “Terra e mar” onde dan a coñecer a alumnos e alumnas realidades doutras zonas do mundo, segundo sinalou o director do colexio Benigno Sánchez.

Fotos e documentais de Tizón en Lesbos

O fotoxornalista veciño de Barallobre Gabriel Tizón realizou o ano pasado duas viaxes de Austria a Turquia. El fixo o camiño inverso aos miles de refuxiados que escapan da guerra en Siria. Escapan dos bombardeos das súas casas e das súas escolas. "Comín, camiñeir e durmín cos refuxiados" confesaba Gabriel Tizón en Radio Fene. Quedou admirado pola educación e a calidade humana desa xente.

“Eu teño alguén”. Esa é a canción que prepara o Colexio dos Casais de Maniños arredor da conmemoración do trinta de xaneiro. Ademais da peza preparada pola aula de música, nas diferentes aulas preparanse esta semana fragmentos dun mural relativo á data. Incluense moitas mans e brazos con símbolos, persoeiros e lemas relativos á paz. Aludense tamén aos efectos da guerra. O venres daráselle aos nenos e nenas unha pegatina cun lema pola paz. Todas as actividades realizaránse o venres a primeira hora da mañá, segundo salientou a directora do centro Lorena Pita.

O Colexio Público Integrado A Xunqueira de San Valentin traslada a conmemoración da xornada para o luns un de febreiro. Farán a solta de pombas, cantarán unha canción compoñerán un mural elaborado nas diferentes aulas arredor do tema dos refuxiados do Oriente Medio en xeral, e de Siria en particular.

Unha poesía arredor da paz tamén preparan no Colexio Centieiras de Perlío para este venres. Na Jorge Juan realizan asimesmo actividades e un festival en torno á xornada.

O Dia Escolar da Non Violencia e a Paz conmemorase como punto de partida e apoio para unha educación non violenta e pacificadora de carácter permanente. Celébrase o trinta de xaneiro de cada ano no aniversario do asasinato do pacifista Mahatma Gandhi.

 

Institucional