Tres días de Idade Media en Mondoñedo

Tres días de Idade Media en Mondoñedo

13 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Unha das festas medievais con mais sona de Galicia terá o seu comezo hoxe a partir das 22 horas. Será na vila de Mondoñedo onde, durante toda a fin de semana, se xuntarán magos con cabaleiros, monxes, damas de alta alcurnia e servos baixo o xugo dos señores feudais mindonienses. A Praza da Catedral e o resto de rúas do municipio lucense acollerán artesáns, música, exhibicións de cetrería ou mesmo unha voda medieval, sempre regado c

Así, hoxe venres 13 de agosto será a quenda de apertura coa “Xuntanza das Mesnadas Mindonienses”, que farán a súa ruta polas empedradas rúas da vila antes de render visita e cantos ao seu patrón, San Roque. Unha vez pasada a hora das meigas levarase a cabo a procesión na que se entregará os poderes do fogo, a auga e a terra ao Mago Merlín.

O sábado, como día grande dedicado ao turista, comezarase ben cedo, posto que ás 10.30 horas da mañá partirá desde a Casa Consistorial de Mondoñedo a comitiva de autoridades, o Merino e a Merina, todos acompañados e ben protexidos polos Soldados do Mariscal Pardo de Cela ata a Praza da Catedral. A súa labor será a de abrir o mercado, onde os artesáns amosarán a súa boa man con produtos como o coiro, a cantaría ou a sillería. O visitante tamén poderá acudir para mercar produtos típicos da terra como licores, viños, queixos, pasteis, pans ou embutidos.

Entre as actividades matutinas haberá unha exposición de aves rapaces, así como pasarrúas amenizados por "A Familia Real e os músicos da Corte", "Airiños do Padornelo", "Os Gaiteiros de Vilanova", "Coplas de Cego" e "Mesnadas Mindonienses". Para non pasar fame poderase degustar, durante toda a mañá, liscos, pan, viño e cervexa de balde.

Xa contra as 12.30 horas está programada a actuación do malabarista “Kote Malabar” na Praza da Catedral, así como a dos alumnos da Escola Municipal de Música “O Pallarego”. Xa para a tarde quedará a exhibición de cetrería, xogos populares, ademais de animación de rúa.

A noite comezará coa cea medieval, onde os asistentes poderán levar á boca, a partir das 21 horas, polo asado, xamón cocido, empanada, pan e viño, todo polo prezo de 10 € por persoa, incluíndo a taza e a táboa conmemorativa. Xa para as 22:00 horas comezará un espectáculo a cargo do grupo "O Aquelarre", mentres que de seguido amenizará a velada o grupo musical "Trópico de Grelos".
O derradeiro día, o domingo 15 de agosto, abrirase co desfile das principais personaxes e caracterizacións que tomaron parte na festa por toda a vila entre liscos, pan, viño e cervexa, así como a mostra de aves rapaces e a actuación de “Kote Malabar”, a partir das 12. Unha hora antes da celebración dunha voda medieval polo rito mozárabe na Praza Jaime Cabot.

Tamén haberá tempo, ao longo dos dous días, de realizar actividades de tiro con arco con roldas de tiradas de 6 frechas, e ás 17:30 horas terá lugar unha demostración de tiro con arco por parte de dous arqueiros.

Sociedade