Tres mulleres valentes

Tres mulleres valentes
29 de Xuño, 2020 - 12:54 h. | Publicada por Radio Fene

A película "A Illa das mentiras", ópera prima da directora Paula Cons, recrea os sucesos acontecidos no mar de Sálvora ao afundirse o buque Santa Isabel con destino a Bos Aires, en xaneiro de 1921. Estréase o 24 de xullo en Filmin.

ESCOITA O PODCAST:

O coronavirus levouse por diante a estrea en salas da película “A Illa das mentiras” ópera prima da cineasta Paula Cons. A longametraxe saca á luz uns feitos importantes e brutais que, se non é polos historiadores Xosé María Fernández Pazos e Tino Vieitez, quedarían esquecidos. Cons reitera que ela fai na película "unha fabulación e unha libre interpretación das consecuencias do naufraxio".

Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e con 260 persoas a bordo, afundiu fronte á dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa, tres mulleres, María, Josefa e Cipriana deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán ben caro. Así se presenta esta historia na que se inspira a “A illa das mentiras” de Paula Cons.

A illa das mentiras é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons. Antes dirixira os documentais "A batalla descoñecida", gañador do premio Mestre Mateo e "O caso Diana Quer. 500 días". Así que esta é a súa ópera prima a punto de estrearse, con Nerea Barros no papel protagonista. "É a protagonista absoluta. Un luxo profesional e persoal" declarou a directora.

“Descubrín esta historia cando sucedeu o accidente do Alvia en Angrois e pareceume que había similitudes no que pode ocorrer despois dunha catástrofe así e en como cambia a vida da illa despois do sucedido” explica a directora para quen a rodaxe foi complexa porque o acceso á illa era complicado para mover a todo un equipo. As embarcacións son pequenas e había temporal moitas veces. Así que houbo que compaxinar a illa con outros escenarios similares.

O coronavirus deu ao traste coa estrea nos cines polo que se optou por plataformas. Na Arxentina (país que co-produce a película) xa puideron vela unhas 60.000 persoas, sendo a segunda película máis vista do país ese mes. A illa das mentiras estréase aquí o próximo 24 de xullo a través de Filmin, onde estará dispoñible para alugar e tamén por subscrición sen custo adicional para os subscritores. A directora non perde a esperanza de poder presentala en setembro nas salas de cine.

 

(Na imaxe, a cineasta Paula Cons)

Cultura

Publica o teu comentario agora