Un albergue de Vilarmaior acada a primeira Etiqueta Ecolóxica Europea que se concede en Galicia

Un albergue de Vilarmaior acada a primeira Etiqueta Ecolóxica Europea que se concede en Galicia

23 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O albergue turístico Alvarella -situado no concello de Vilarmaior, nas proximidades das Fragas do Eume- converteuse no primeiro establecemento galego en obter a Etiqueta Ecolóxica Europea. Trátase dun selo oficial de calidade que certifica os bens e servizos máis respectuosos co medio ambiente. Só outros catro aloxamentos en toda España posúen este recoñecemento.

Co obxectivo de acadar a maior sustentabilidade ambiental posible, o albergue Alvarella coida os máis variados detalles. O establecemento está construído con materiais biodegradables, realízase compostaxe caseira cos residuos orgánicos ou apóstase polo consumo responsable á hora de facer a compra. No que respecta ao aproveitamento enerxético, o aloxamento funciona con varias placas fotovoltaicas e térmicas, un pequeno aeroxenerador e unha caldeira de biomasa. Unha das responsables do albergue, Ana Villaverde, explicou en Radiofusión que o reto principal consiste en facer partícipes aos visitantes desta filosofía. Así, os hóspedes poden, por exemplo, implicarse nos labores da horta ou prepararse un café na cociña solar.

Todas estas características fixeron ao Alvarella merecedor da primeira Etiqueta Ecolóxica que a Unión Europea concede a un establecemento galego. Ana Villaverde amosouse orgullosa porque o certificado recoñece unha liña de traballo que emprenderon hai 8 anos e, sobre todo, porque os obriga a ser máis esixentes con eles mesmos.

Sociedade