Un Aturuxo por 35 anos

Un Aturuxo por 35 anos

15 de Setembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O mesón Aturuxo de Fene - A Coruña- pechou unha etapa e no mes de outubro abrirá unha nova. Radio Fene recibía esta mañá a unha parella que non é unha parella calquera. Pedro e María Jesús, do Mesón Aturuxo, veñen de xubilarse. Con eles falamos deste local que recibiu nos 35 anos que estivo aberto, a persoeiros da cultura galega como Roberto Vidal Bolaño, Siro López ou Amancio Prada. Tamén a polític

Pedro e Mª Jesús abriron o mesón copiando o estilo dun restaurante de Burgos que lles gustou moito. Coa axuda de Siro López e outros técnicos de Bazán déronlle a forma que mantivo sempre. Pero tamén é verdade que a cociña que empezou sendo tradicional foi innovando coas mans de Mª Jesús ata converterse nun reclamo. O músico Amancio Prada sempre come no Aturuxo, mesmo cando canta en lugares tan apartados de Fene como Cariño. Unha amizade que dura ata hoxe e que trouxo ao berciano mesmo a cantar polas festas de Fene á igrexa parroquial, por gratitude á parella.

O Aturuxo é o simbolo dun momento social, é un local acolledor, de boa cociña e de paredes pintadas con humor por Siro López, Xaquín Marín ou Pinto e Chinto. As xentes do teatro eran atendidas especialmente ben cando viñan actuar pola zona. Mabel Rivera, Morris, Dorotea Bárcena, Xulio Lago, Roberto Vidal Bolaño, están na mente de Pedro e Mª Jesús para sempre. O Aturuxo foi tamén unha especie de centro social que aglutinou ao Boandanza, os interminables maratóns de futbol sala, as festas do Pincho Moruno e as festas patronais de Fene.

Todo está gardado no Libro de Ouro do mesón, onde se recollen sinaturas, adicatorias e fotografías dos visitantes máis  renomeados. Abríronno o daquela alcalde de Fene, Xosé Mª Rivera Arnoso e Siro López. Vaino pechar o actual alcalde, Juventino Trigo.

Pedro e María Jesús xubílanse porque lles toca gozar do tempo libre. O Aturuxo pechou unha etapa pero no mes de outubro abrirá outra nova, con xente nova, con tanta ilusión como a que tiña a nosa parella cando abriron a porta de puxigo do Aturuxo o 21 de decembro de 1980, con moitos nervos, na rúa chovendo a mares, pensando que non entraría ninguén. Á media hora non se collía no local.  

Sociedade