Un avión fletado por Repsol trae a Pablo Prieto a Madrid

Un avión fletado por Repsol trae a Pablo Prieto a Madrid

23 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O adestrador galego de fútbol sala Pablo Prieto, actual seleccionador nacional de Libia, regresou na tarde deste mércores a Madrid, nun avión fletado por Repsol para repatriar aos seus empregados do país norteafricano. Xunto con Prieto tamén viaxou Luis Castellano, preparador físico do combinado libio. A familia de Pablo Prieto realizara a xestión diante da empresa Repsol e agradeceu a receptividade da compañía petroleira.

Á súa chegada ao aeroporto de Madrid-Barajas, o preparador galego asegurou ter "sensacións moi boas" e estar "aliviado" polo seu regreso a España despois de vivir dous días moi complicados no país árabe. "Cando comezaron os bombardeos, a Embaixada de España recomendounos que abandonásemos o país, pero ao recrudecerse a situación puxémonos nerviosos, e entón dixéronnos que o máis seguro era que nos desprazásemos ao aeroporto, á espera de ver se podiamos tomar un voo de regreso a España".

Cando este martes chegaron ao aeroporto de Trípoli, tanto Pablo Prieto como Luís Castellano comprobaron que había moitísimos cidadáns co mesmo propósito que eles. "Había milleiros de persoas no aeroporto, ao redor duns dez mil; a situación era caótica, mesmo había xente tirada esperando a douscentos metros do aeroporto, e este mércores, cando embarcamos, a terminal estaba ateigada e nunhas pésimas condicións de hixiene", relatou.

Afortunadamente, o voo fretado por Repsol para garantir o regreso dos empregados que traballaban en Libia permitiulles  abandonar o país africano e estar de volta no noso país xunto aos seus familiares. "Debémoslle moito a Repsol; os seus directivos e empregados dispensáronnos un trato marabilloso", argumentou Prieto, que estendeu o agradecemento "aos medios de comunicación e á Liga Nacional de Fútbol sala pola súa atención cara á nosa situación e o apoio que nos mostraron en todo momento".

Sen contacto cos xogadores da selección libia

Así mesmo, Pablo Prieto recoñeceu que non mantén contacto algún cos xogadores aos que dirixía na selección nacional de Libia. "Envieilles distintos correos electrónicos, pero até o momento non recibín resposta", sinalou.

Por último, o técnico galego non quixo pronunciarse sobre a súa continuidade no seu cargo como seleccionador nacional de Libia. "De momento, o meu único obxectivo é descansar despois de todo o que ocorreu. Só sei que o martes 22 tiñamos que comezar unha nova concentración da selección e cando chegamos a Federación Libia, as oficinas estaban pechadas. Non recibín ningún tipo de comunicación por parte dos dirixentes", concluíu.

Deportes