Un cadáver na Torre de Hércules

Un cadáver na Torre de Hércules
25 de Novembro, 2022 - 12:20 h. | Publicada por Radio Fene

A aparición do cadáver dun home ao pé da Torre de Hércules leva ao policía Sánchez Pereiro a iniciar unha sorprendente investigación. Este non será o único crime que descubrimos en Lobos Doentes. A adaptación da novela do mesmo nome de Antonio Tizón comezou a súa emisión en Radio Fene. Este venres a partires das 12,00 horas poderedes escoitar os cinco primeiros capítulos desta obra dirixida por Eugenia Sanmartín e producida por Son Radiofusión.

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía: Xan Xe Corral

O cadáver aparecido agocha na chaqueta o logotipo dunha bandeira rusa e o enderezo de tres prostíbulos que visita o policía Sánchez Pereiro tentando atopar ao verdadeiro asasino. No seu percorrido por diferentes locais da Coruña come a mellor costeleta de boi que probou na súa vida e lamenta perderse anos antes o partido entre o Deportivo e a Juventus por ter que presenciar un mitin do PP. Zapatero ou Amancio Ortega son algúns dos nomes ilustres que saen nas diferentes conversas do axente nestes primeiros cinco capítulos da Lobos Doentes que Radio Fene emitirá este venres a partires das 12,00 horas. Esta novela, na que o policía Sánchez Pereiro se transforma noutro dos moitos lobos e lobas doentes que loitan pola supervivencia, débelle o título ao poema de Rosalía, A xusticia pola man.

Fotografía Xan Xe

Na imaxe, gravación da adaptación da novela Lobos Doentes nos estudos de Radio Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora