Un exemplo

Patricia González e Lucía Gómez proclamáronse campioas coa Selección Española.
21 de Febreiro, 2019 - 01:08 h. | Publicada por Radio Fene

O Burela FS foi o primeiro club en asinar un Convenio Colectivo de Profesionais do Deporte Feminino en España para garantir os dereitos das súas xogadoras tales como a renovación automática en caso de embarazo e medidas para a conciliación familiar.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, participou no recibimento que lle fixo o club Pescados Rubén Burela FS ás súas xogadoras que veñen de proclamarse campioas e subcampioas na primeira Eurocopa Feminina de Fútbol Sala. No acto, Rivera Capón estivo acompañado polo Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, o Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, o Presidente do Club, Manuel Blanco, o tesoureiro, Alfredo Veiga, e o vogal, Rubén Blanco. O Goberno da Deputación colabora co Burela FS, achegando máis de 137.000 euros a través da liña de axudas destinadas a equipos que participan nas ligas de primeira e segunda categoría absoluta estatal. Rivera Capón subliñou que “é toda unha honra contar na provincia de Lugo cun equipo como o Burela Fútbol Sala, que desde unha vila de apenas 10.000 veciños colleita grandes éxitos deportivos, é un gran exemplo de apoio ao deporte feminino e a integración social”. 200 deportistas de todas as categorías forman parte do Club Burela Fútbol Sala. Esta entidade deportiva comezou a súa andaina no 2001 coa sección masculina e foi incrementándose chegando a conformar en 2008 a categoría feminina. Nestes momentos o equipo masculino milita na Segunda División do fútbol sala nacional.

Pola súa banda, as súas compañeiras do equipo feminino, compiten na Primeira División Liga Foro 16 Feminismo, e contan nas súas filas con tres xogadoras que veñen de acadar o primeiro e segundo posto da I Eurocopa de Fútbol Sala Feminino. Patricia González Mota e Lucía Gómez González proclamáronse campioas coa Selección Española, título conseguido fronte á súa compañeira Jennifer Santos Rodrigues, da Selección de Portugal. O Burela FS foi o primeiro club en asinar un Convenio Colectivo de Profesionais do Deporte Feminino en España para garantir os dereitos das súas xogadoras tales como a renovación automática en caso de embarazo e medidas para a conciliación familiar.

Referente da integración social a través do deporte.

A provincia conta cunha gran potencialidade dentro do deporte feminino, así o entende o Executivo Provincial que incorpora nas bases das súas axudas de concorrencia competitiva baremos que valoran positivamente o deporte feminino e mixto. Ademais, as categorías inferiores do Pescados Rubén de Fútbol Sala integran a máis de 140 rapaces de 9 nacionalidades estranxeiras, sendo Cabo Verde o país máis representado con 18 xogadores. Mozos de Senegal, Etiopía, Marrocos, Perú,Uruguai, Rusia e Brasil tamén forman parte deste equipo de Fútbol Sala que xa é un referente da integración social a través do deporte.

Deportes

Publica o teu comentario agora