Un fakir na sala Perla

Un fakir na sala Perla
18 de Xuño, 2020 - 10:07 h. | Publicada por Radio Fene

A sala e a cafetería Perla de Perlío son o escenario das historias que contan en "Recordando o noso" Fina Barcia e Paco Permuy, que traballaron alí nos anos 60.

ESCOITA O PODCAST:

O Perla foi un complexo de ocio fundado pola familia Rivera en Perlío -Fene- a finais dos anos 50. En 1959 abriu as portas o cine coa cafetería, e pouco máis tarde a sala de baile. En decembro de 1962 a prensa anunciaba un baile de fin de ano "na sala do Cine Perla que lucirá unha sorprendente iluminación”. Indicábase que os asistentes serían obsequiados coas clásicas uvas. Organizaba a sociedade recreativa “Perla del río”. A inauguración oficial da sala de baile do Perla terá que agardar ata o sábado 23 de febreiro de 1963, segundo o xornal da época.

O Perla foi o tema elixido para pechar o curso no obradoiro “Recordando o noso” dos Servizos Sociais do concello de Fene. A próxima semana pechará  "Máis Memoria". Ambos mantivéronse en Radio Fene desde que foi decretado o estado e alarma. Diante da imposibilidade de participar nos talleres presenciais, a radio foi o medio elixido para manter aos seus participantes unidos e activos. Aínda que “Recordando o noso” versou este curso sobre os medios de transporte, este ultimo capítulo adicouse aos recordos do Perla porque entre os participantes dos obradoiros hai dúas persoas que traballaron nesta empresa e coñecen como era por dentro.

De anécdotas, e das boas, están cheos os relatos de Fina Barcia, que traballou na cafetería Perla e atendía tamén as vodas na sala, e Paco Permuy, que desde os 12 anos traballou de camareiro no salón de baile onde o seu pai rexentaba o ambigú. A memoria dos dous transpórtanos a aqueles anos de ledicia e desenfreo. Fina lembra os prezos ( café 3 pesetas, o coñac 7 e o cubata 12 pesetas). Lembra cando había voda con 300 ou 400 convidados e como tiña que lavar a cristalería ou subir e baixar os pratos do convite en lotes de 25.

O ambigú da sala Perla dispuña dunha barra que ocupaba todo o ancho da pista e 80 mesas, 40 arriba e 40 abaixo. Entre tantísimos artistas que pasaron polo Perla, Paco Permuy lembra a Pucho Boedo porque achegouse a el e pediulle que mirara pola filla, unha nena como el, mentres actuaba. E impactoulle un mariñeiro cubano que, despois de beber o cubata, comeuse o vaso. Lembra Permuy os bailes de carnaval e os impresionantes disfraces que facía a xente. Os recordos agólpanse nas cabezas de Fina, unha moza naqueles anos 60 e de Paco, un neno que vía moito mundo.

Non perdades este relato, o último de "Recordando o noso" por este accidentado curso.

 

(Imaxe: voda De Mª Xosé e Emilio no Perla. Anos 70)

Sociedade

Publica o teu comentario agora