Un falecido e un desaparecido nun temporal que diminúe

Un falecido e un desaparecido nun temporal que diminúe

09 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A alerta vermella no mar deixa panos negros. Un falecido e un desaparecido é o balance de danos persoais da segunda xornada de temporal cuxos efectos aínda se deixarán sentir nas próximas horas, se ben o prognóstico sinala que a súa intensidade irá diminuíndo. As ondas, que chegaron a superar os dez metros de altura, e os ventos, que volveron zoar no litoral a máis de 100 quilómetros por hora, provocaron importantes estragos nas fachadas

A José Ramiro Fernández alcumábano “Superman” os seus veciños da vila lucense de Burela pola súa valentía e carácter afouto. Mais o ex mariñeiro de 74 anos non foi invulnerable á forza do mar que acabou coa súa vida contra as dez desta mañá cando decidiu desafiar ao temporal e ir rescatar un bote que tiña no peirao para levalo a un lugar de máis abrigo. As ondas envorcaron a  embarcación e o mar bravo fixo imposible para a vítima resistir.  Cando Salvemento Marítimo chegou ao lugar tan só puido rescatar o cadáver do mariñeiro xubilado aboiando a carón da lancha.

Outro septuaxenario permanece desaparecido arestora na zona de Baldaio, no litoral do municipio coruñés de Carballo, a cuxa marisma se achegara a pasada noite a pescar robaliza, como é habitual na zona. Os servizos de Emerxencias foron alertados por outros pescadores contra as seis da mañá de que o home desaparecera posiblemente por un golpe de mar. A climatoloxía nunha zona moi aberta ao océano Atlántico e as fortes correntes dificultan a localización do pescador.

Ademais das traxedias persoais, multiplícanse os estragos para os traballadores do mar provocados polas ondas que bateron con forza contra os diques de abrigo no litoral norte da Coruña e na costa de Lugo, lugares onde a frota permaneceu amarrada. No porto lucense de San Cibrao, o mar esnaquizou a metade do dique da parte posterior do espigón. Os penedos que saíron disparado escacharon as casetas dos mariñeiros. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou a zona afectada e advertiu tamén das desfeitas que o mar puido provocar nos areais da contorna. 

Foron un total de once os portos de Galicia nos que se rexistrou algún estrago. Na provincia da Coruña a peor parte levouna o de Cariño, onde caeron uns 50 metros dun muro de protección e cinco postes de tendido eléctrico, entre outras desfeitas. Tamén resultou moi prexudicado o paseo marítimo da capital provincial. Unha enorme ondada escachou durante a noite uns 100 metros da balaustrada de pedra da fachada litoral herculina. A forza das augas moveu mesmo bancos de pedra do paseo, e salpicou as vivendas situadas ao outro lado da estrada. O xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil, afirmou que perante situacións como estas non hai diques que poidan conter a forza da maré. 

Dende a Dirección Xeral de Emerxencias recoméndase que se manteñan as precaucións propias perante un fenómeno meteorolóxico adverso, xa que para este mesmo serán contábase con que as ondas volvesen medrar. Porén, a situación tende a mellorar e Meteogalicia desactiva a alerta en terra e rebaixa a amarelo o nivel de precaución na na faixa marítima fronte a Galicia. O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, avanzaba a melloría climatolóxica pero volvía pedir coidado á poboación.

Sociedade