Un médico menos

O Centro de saúde de Fene perde un médico por xubilación que non será amortizado
16 de Xaneiro, 2019 - 02:10 h. | Publicada por Radio Fene

Fene perde un médico, segundo denuncian o Bloque Nacionalista Galego e EU da localidade. Por ese motivo anuncian a presentación dunha moción e a asistencia á concentración contra os  recortes na sanidade pública, o venres 18 ás doce do mediodia diante do centro de saúde.

ESCOITA O PODCAST:

Segundo os datos aportados polo BNG, a Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes: destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009 cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros. As consecuencias son, a masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, listaxes de espera de máis dunha semana para o persoal médico de familia, peche de axendas, PACs ao limite.

O PAC e Centros de Saúde de Fene non escapan desta realidade, segundo a nota emitida polo BNG, con problemas nas substitucións de persoal, intentos de reducir persoal sanitario no verán, e agora a amortización dun posto de médico por xubilación. Das 10 prazas de médico de familia que hai en Fene, 6 na quenda de mañá e 4 na de tarde, a partir do vindeiro 19 de xaneiro serán 5 na quenda de mañá xa que o SERGAS amortizará unha praza, pola tarde hai 4 médicos e non se substitúe unha baixa de longa duración. Na práctica Fene quedará en breve un 20% menos de médicos, co que isto repercutirá na calidade asistencial. Por estes motivos os grupos municipais do BNG e EU de Fene presentan unha moción solicitando á Xunta de Galiza medidas concretas para reverter a situación. Apoian a concentración convocada o venres 18 de xaneiro ás 12 da mañá diante do Centro de saúde de Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora