Un milagre na ría

Un milagre na ría

19 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou esta mañá en Navalia un convenio de colaboración con Exponav en virtude do cal a Xunta   financiará o desenvolvemento da exposición “Un milagre na ría”. A mostra incide na “importancia histórica que o antigo estaleiro de Astano tivo, e ten, na economía da comarca de Ferrol-Fene e de Galicia”.

Na presentación deste proxecto expositivo, o conselleiro de Economía e Industria lembrou que “o Goberno galego está convencido de que cómpre valorizar a importancia real de Astano no proceso histórico de desenvolvemento industrial de Galicia e de España” sen esquecer que “a antiga Astano constitúe un proxecto de futuro avalado por un pasado de liderado e solvencia, no eido da construción naval”.

Segundo Guerra, “a historia nos amosa que Navantia non é un proxecto improvisado, é un estaleiro que conta coa mellor experiencia e capacitación para exercer o papel de liderado na construción naval pública e privada, ao que está chamado”. Deste xeito, o responsable da Consellería de Economía e Industria reiterou a esixencia de que se presente “con urxencia” a petición para levantar o veto á construción civil que pesa sobre a antiga Astano.

“É necesario que o Goberno de España concrete e aclare xa a maneira en que vai defender os intereses do sector naval de Galicia en Europa, tal e como se comprometeu a facelo” porque “os galegos non entenderán que non se teña aproveitado a oportunidade da presidencia española da Unión Europea para avanzar na negociación do levantamento do veto que pesa sobre Navantia”, engadiu Javier Guerra.

Ademais, o conselleiro de Economía e Industria renovou o compromiso da Xunta na defensa do levantamento do veto que impide a construción civil no estaleiro e afirmou que “a Xunta non abandonará esta tarefa, sexa a que sexa a actitude do Goberno central, porque Navantia ten pasado e futuro en Galicia”.   

“Un milagre na ría” de Ferrol
Por outra banda, o conselleiro valorizou a posta en marcha do proxecto expositivo “Un Milagre na Ría” subvencionado pola Consellería de Economía e Industria, cun anticipo do 80% da achega que permitirá botar adiante esta iniciativa. Exponav será a entidade encargada de levar a cabo esta iniciativa, por ser a única organización en Galicia que inclúe entre as súas liñas de traballo o estudo, a conservación e a exposición do patrimonio técnico, ornamental e documental relativo á construción naval .

O obxectivo da exposición: “Un milagre na ría” é explicar como dunha pequena carpintería de ribeira pasouse a un estaleiro que chegou a ser un referente mundial, capaz de botar ao mar os buques máis grandes do mundo.

A mostra narrará, dun xeito didáctico, a evolución, desde o ano 1940 ata hoxe, da antiga Astano, e fará compresible aos cidadáns que Astano é unha parte fundamental do patrimonio histórico e económico de Galicia.
 
 “Un Milagre na Ría” ocupará catro módulos do edificio Herrerías, en Ferrol, e contará cos medios máis axeitados para recrear a importancia que o estaleiro tiña en España e no mundo contando con: cartelería; paneis móbiles; proxectores e ordenadores, para achegar os contidos audiovisuais sobre a evolución histórica do estaleiro, cun módulo interactivo multimedia; enormes maquetas, e un diorama  do estaleiro primixenio.

Para finalizar, Guerra reiterou que “o sector naval ten un forte peso na nosa economía e dende a Xunta de Galicia se están a apoiar todas as iniciativas orientadas a consolidar e dar pulo a un sector estratéxico dentro da política industrial do Goberno galego”.

Sociedade