Un morto e un ferido nun accidente nunha pirotécnica en Ourense

Un morto e un ferido nun accidente nunha pirotécnica en Ourense

30 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Unha persoa faleceu e outra resultou ferida grave nun incendio rexistrado este mediodia no almacén da pirotecnia Josman, situada en Cambeo (Coles Ourense) . Segundo informou o servizo de Emerxencias do 112, esta persoa faleceu durante o traslado en helicóptero ao centro hospitalario de Povisa, en Vigo.

Ademais deste helicóptero, que finalmente aterrou no hospital ourensán Cristal Piñor, mobilizouse un segundo con base en Santiago para trasladar ao outro ferido, ademais dunha ambulancia asistencial.

A Garda Civil explicou que o lume se produciu ás 12.45 horas e confirmou que unha unidade de bombeiros de San Cibrao tivo que traballar a fondo para sofocar as lapas. O obxectivo era evitar que o lume, do que deron aviso ao 112 dous particulares, se propagara a outras casoupas onde tamén se almacena material pirotécnico.

Posibeis causas do accidente

Unha faísca que saltou cando facían a mestura da pólvora apúntase como posible causa da explosión que xerou o incendio. Segundo apuntaron a Europa Press fontes dos Bombeiros de Ourense, supostamente saltou unha faísca cando preparaban nunha caseta a mestura da pólvora, causando unha explosión que esnaquizou practicamente por completo a edificación afectada.

Os bombeiros indicaron que ardeu, ademais, material almacenado, entre eles cartuchos de cartón empregados para os foguetes. Do parque de Ourense acudiu unha unidade, coa que colaboraron no lugar Bombeiros de San Cibrao e motobombas forestais.

Os feitos sucederon sobre as 12.40 horas. O lume quedou extinguido sobre as 15.15 horas, aínda que no lugar permanece unha dotación refrescando a zona para evitar que se reaviven as lapas.

A mesma pirotécnica xa sofriu un accidente en 1987. Morreran daquela unha muller e unha nena. 

 

Sociedade