Un Pérez Parallé distinto

O premio de poesía fenés entregarase a través de streaming
13 de Novembro, 2020 - 10:11 h. | Publicada por Radio Fene

O premio de poesía Pérez Parallé entregarase a través de streaming ao non ser posible a celebración dun acto presencial nas instalacións de San Paio.

ESCOITA O PODCAST:

O acto de entrega do premio de poesía Pérez Parallé non poderá realizarse presencialmente nas instalacións do CMI Unidade de Fene como leva celebrándose durante 33 anos. A gañadora desta edición 2020, Sara Plaza Moreno, terá que recibir o galardón de forma telemática, a través de streaming. Os organizadores do premio, concello de Fene e CMI, están valorando se facer esa entrega virtual o día previsto que é o sábado 21 de novembro, segundo nos informa a presidenta do círculo, Paula Romero. Tamén está pendente a posibilidade de reunir no CMI á gañadora cos representantes do concello e CMI e facer desde alí o acto, ou se terán que facelo cada quen desde a súa casa, dados os confinamentos perimetrais que afectan a todos. Outro detalle será confirmar se o público poderá seguir o acto en directo ou en diferido.

O que si está asegurado é que a edición do poemario gañador seguirá o seu curso normal e a editorial Espiral Maior terá o libro listo para o mes de maio, data habitual da súa presentación. Agárdase que nese mes a situación permita celebrar por todo o alto a saída de “Todos os pasos fan ruído” de Sara Plaza, elexido este ano entre os 76 poemarios presentados a concurso, unha das cifras maiores da historia do premio.

Polo demais, as instalacións do CMI Unidade de Fene permanecen pechadas despois das últimas medidas que provocaron o peche da cafetería. Excepcionalmente continúan celebrándose as clases de ximnasia e ioga con grupos reducidos de cinco persoas.

 

(Na imaxe, a gañadora do premio de poesía no 2020, Sara Plaza)

Cultura

Publica o teu comentario agora