Un porco, unha vaca e unha ovella

Un porco, unha vaca e unha ovella
25 de Xaneiro, 2021 - 11:27 h. | Publicada por Radio Fene

Co frío que vai, as vacas sofren de indixestión. É unha das cousas aprendidas tras unha conversa co veterinario Delfín Feal, con quen repasamos a actualidade das explotacións gandeiras, do xabarín ou dos visóns contaxiados.

ESCOITA O PODCAST:

Problemas dixestivos, mamites ou inseminación son as causas ás que debe atender a diario no seu traballo que abarca toda a zona de Ferrolterra. El atende aos denominados grandes animais como o porco, a vaca ou as ovellas. Pola súa experiencia de 25 anos traballando na zona, sabemos que o panorama das explotacións vacunas cambiou substancialmente dun tempo a esta parte. O número de granxas é moi inferior e caeu en picado a produción de leite, quizás máis do 50%. Afirma Delfín que hai certas granxas que aumentaron o censo, son máis grandes pero a costa de desaparecer moitas outras. No ámbito de Ferrolterra ata as Pontes, descendeu o número de animais. A eiva que teñen os que queren medrar é a base territorial. As granxas non teñen cantidade suficiente de terra para aumentar a súa superficie. “Pode haber tres granxas que ronden ás 100 vacas pero a media é de 20 a 30. Se temos en conta que cada vaca precisa dunha hectárea, 100 vacas necesitan 100 hectáreas”. Dáse outro paradoxo, coa crise a xente volveu ao autoconsumo e vense casas no rural cun porco, unha ovella ou unha vaca.

O xabarín.

A irrupción do xabarín en zonas urbanas, en plena cidade, é outra escena novidosa que o veterinario achaca ao abandono progresivo da produción tradicional da terra. “O xabarín agora atopa terreo libre e desprázase como nun dameiro e de repente aparece na Praza de Armas”. Convídanos Delfín Feal a visitar unha aplicación na que podemos gozar de vistas aéreas desde o ano 1956 para aquí e comprobar como cambiou a terra traballada por outra de bosque.

Os visóns.

Na mesma zona onde traballa este veterinario houbo nos anos 80 e 90 moitas granxas de visóns que tamén foron a menos. Volven á actualidade polo contaxio de Covid19 detectado en diferentes granxas de todo o mundo. Galicia so-porta o 80% da cría de visóns de toda España. Trátase dunha produción intensiva cuns 3000 exemplares de media por granxa. “Quero pensar que as condicións están controladas pero existe o risco”. Os visóns foron contaxiados por persoas activas en Covid19 que llo transmitiron. Os visóns son asintomáticos pero, cando o nivel de infección é alto, as autoridades sanitarias decretan o sacrificio dos animais.

O lobo.

A aparición do lobo vai por oleadas. Haber hai lobo pero é fuxidío e é raro que chegue a zonas urbanas porque ataca onde hai comida. Segundo Feal funcionan en manada e cun líder que se adianta en plan explorador para estudar o terreo. “Pode camiñar entre 80 e 120 Km diarios. En Moeche, Cerdido ou San Sadurniño estanse referenciando ultimamente".

Sociedade

Publica o teu comentario agora