Un punto de interese no mapa

Fene é un lugar que merece a pena coñecer
15 de Setembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fene ten que ter o seu lugar no mapa, no que a turismo se refire. Non son poucas as virtudes patrimoniais, paisaxísticas ou gastronómicas para que as persoas que estén de paso, paren e disfruten delas. Ese é o obxectivo da concellería de Turismo e do espazo que os martes ofrecerá Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

“Traballamos nun proxecto turístico coa veciñanza para que a xente nos axude a coñecer mellor o noso concello, un lugar que paga a pena coñecer”. Son palabras da concelleira de Promoción económica e Turismo de Fene. Ana Basoa pretende facer de Fene un lugar de interese turístico e por iso tamén se programou a sinalización de lugares como o Camiño inglés ou unha ruta de arquitectura indiana. “O marisqueo e a gastronomía derivada do mar tamén teñen o listón moi alto na nosa localidade” afirma Basoa. Acompañaa nesta primeira incursión radiofónica que se repetirá todos os martes, a técnica de turismo Estefanía Purriños quen escolleu a Casa da Maleta, ubicada no lugar da Vrea en Barallobre, como primeiro reclamo turístico.

Como a “Perla do Sur” denominouna o seu constructor, Antonio Fernández, unha vez retornado de Cuba a onde emigrou con 16 anos de idade. Volveu 18 anos despois para construir a súa singular casa, o cine Adriano, unha carpintería e un pequeño estaleiro de onde saíron os barcos Adriano I,II e III. Quen se achega á casa da maleta repara na cúpula- miradoiro culminada coa figura do propio Adriano representado como o emigrante que foi. Desde alí divísase en dias claros a Torre de Hércules. Purriños adéntranos no interior da casa e descúbrenos as placas de mármore onde reza o lema: “El trabajo es mi Dios y el mundo mi tumba”. Na finca existiu un teixo xa desaparecido dividido en tres balcónadas. A técnica de turismo de Fene resalta que "a xenerosidade da emigración no século XX foi crucial para o avance a modernización de Fene".

A concelleira Ana Basoa quere sacar proveito do paso do camiño inglés por Fene e que o pelegrín pare a coñecernos. “Que Fene sexa un punto de interese no mapa” afirma, antes de enumerar virtudes como a veciñanza acolledora, os productos da ría ou os espazos verdes nos que inclúe as praias. Na páxina fene.gal o concello ofrece información turística na que Radio Fene quere afondar todos os martes ás 11.00h.

 

(Na imaxe, de esquerda a dereita, Ana Basoa e Estefanía Purriños)

Cultura

Publica o teu comentario agora