Un referente cultural

O CCRD de Perlío quere seguir sendo un referente cultural.
21 de Outubro, 2019 - 10:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Círculo Cultural Recreativo e Deportivo de Perlío prométenos un outono entrañable porque é cando a entidade celebra o seu aniversario. Nesta ocasión a festa de todos os socios e socias será o 23 de novembro para significar que son eles os que manteñen vivo o Círculo que foi e quere seguir sendo un referente cultural da parroquia e de todo o concello de Fene.

Luís Luaces, como secretario que é da sociedade, anda metido nas oficinas indagando nas actas para sacar á luz aqueles acontecementos maís relevantes da traxectoria do Círculo Cultural e Parque Recreativo da Vila de Perlío, que así o bautizaron no seu nacemento, o 10 de xaneiro de 1961, baixo a tutela de Antonio Rivera Seco. Na próxima cea baile que celebrarán o 23 de novembro a entidade estará a piques de cumplir 59 anos.

Anos 70

Os anos 70 foron os anos gloriosos do Círculo de Perlío, que viviu intensamente todos os cambios sociais que se ían producindo. Son moitos os momentos relevantes, como cando visitou a entidade nada menos que Adolfo Suárez, ou cando o poeta Uxío Novoneira deixou escrito o 16-X-1974, no libro de honor: “ Aquí en Perlío, no CCRD, onde un se sinte entre irmáns”. Eduardo Blanco Amor escribiu no mesmo libro en 1976: “ Con grande emoción ocupo hoxe a ilustre tribuna do CCR de Perlio que tan nobre axuda presta á cultura da nosa terra “ Viva Galiza!!! E así poderiamos seguir con visitas de ilustres conferenciantes ou músicos como Fuxan os Ventos, no 1978. As Mostras da Cultura Galega ou a creación do grupo de teatro.

A actualidade

Pero, volvendo ao presente, os 204 socios/as do CCRD seguen a disfrutar das súas instalacións, onde o 26 deste mes de outubro a poesía volverá a estar presente no Recital que ofrecerá o colectivo Moraima coa compañía das Cantareiras Xerfa da Banda Airiños de Fene. O 16 de novembro se celebra no Círculo, o Certame de Corais. Decembro é o mes da solidaridade coa recollida de alimentos para o banco de alimentos de Ferrolterra. Co novo ano 2020 o Círculo de Perlío traenos unha nova “festa do caldo” no mes de febreiro, que ten o seu poema, escrito por Mariola Hermida, porque o Círculo de Perlío ten o luxo de contar cunha poeta como responsable cultural. Marzo chegará coa cea- baile do Antroido e abril coa popular paella. Maio é un mes especial no CCRD de Perlio con motivo da celebración das Letras Galegas que remata sempre co baile das flores.

O verán pode resumirse en duas citas moi populares, a sardiñada de San Xoan de xullo e a churrascada de setembro.

Instalacións

Cando escribimos isto, estanse a pintar e asear as instalacións do casino de Perlío para que luza o dia do aniversario. O ambigú ven sumarse ao salón de actos e aos locais reservados á xestión cultural e deportiva dos que consta o inmoble. A isto hai que sumar as canchas de tenis, a pista polideportiva e o parque, dotado de xogos infantís e un merendeiro. No salón interior e baixo a sombra das árbores fotografamos aos dous directivos do CCRD que nos guiaron nesta reportaxe, Mariola Hermida e Luís Luaces Pérez. Agradecemos a súa amabilidade.

Cultura

Publica o teu comentario agora