Un total de 50 mulleres morren cada ano de cancro de colo de útero a causa do virus do papiloma humano

Un total de 50 mulleres morren cada ano de cancro de colo de útero a causa do virus do papiloma humano

27 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

 

O representante da Asociación Española de Pediatría, o doutor Federico Martinón, alertou hoxe de que preto de 50 mulleres morren en Galicia cada ano por cancro de colo de útero que se desenvolveu no seu organismo a causa de contaxio co virus do papiloma humano (VPH).

En rolda de prensa, Martinón participou na presentación dun documento de consenso entre oito sociedades científicas estatais e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) co obxectivo de "crear unha voz única" para "impulsar" a vacinación fronte ao VPH, que en Galicia supuxo uns 150 casos anuais. Neste sentido, o coordinador desta iniciativa, o doutor Javier Cortés, explicou que o VPH "é o responsable do cen por cen dos casos de cancro de colo de útero", ademais do 90 por cento dos cancros de ano ou do 50 por cento de vulva e pene, e precisou que se transmite case exclusivamente por vía sexual. Asimesmo, no ámbito estatal, esta afección provoca 2.100 casos ao ano, unha media de sete ou oito por cada 100.000 mulleres e que dúas morran ao día a causa de cancro de colo de útero, que amosa unha prevalencia na poboación feminina de "entre un 10 e un 15 por cento a partir dos 30 ou 35 anos". Por este motivo, Cortés destacou "a elevada eficacia" dos resultados obtidos pola vacina para previr o VPH "da que xa se administraron 50 millóns de doses en todo o mundo" e que "conta co respaldo" da Organización Mundial da Saúde (OMS) e "de máis de 130 países". Por outro lado, no caso de mulleres que xa entraron en contacto co VPH, Martinón explicou que "só o 50 por cento xeran defensas" contra a afección "que desaparecen aos tres anos", pero que a vacina "tamén resulta eficaz para evitar a reaparición do virus".

Sociedade