Un valiosísimo labor

O asociacionismo de Fene destaca pola súa intensa actividade que se ve así recompensada
31 de Outubro, 2019 - 10:19 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene asina convenios coas asociacións culturais, deportivas, veciñais e educativas por importe superior aos 47.000 euros. O Concello busca deste xeito apoiar a magnífica e intensa actividade que desenvolven ao longo do ano.

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e os representantes de entidades e asociacións do eido educativo, veciñal, cultural e deportivo do Concello de Fene rubricaron esta semana os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas. Convenios que, no seu conxunto, suman 47.045,76 euros. Unha partida coa que o Concello busca apoiar o magnífico e intenso labor que desenvolven ao longo do ano.

Deste xeito, a relación de beneficiarios son os seguintes:

ANPA Centieiras -2.000 euros- e ANPA Os Casais -1.000 euros- para contribuír ao mantemento e funcionamento dos respectivos comedores escolares. 

Os Centolos -8.000 euros- pola organización do FeneRock; AC Felicia -8.000 euros- pola organización do Felicia Pop Festival; Airiños de Fene -4.500 euros- pola organización da Xuntanza de Gaiteiros; A Vikingos Río Castro -4.000 euros- pola organización da Romaría Vikinga.

ACRD O Pote -3.500 euros- pola organización da Romaría do Pote e a Festa da Ameixa; CMI Unidade Fene -2.500 euros- pola organización do premio Pérez Parallé; Escudería Scratch Fene -2.200 euros- pola organización do Slalom Fene; Agarimo de Sillobre -1.600 euros- pola organización do Encontro de Lavandeiras.

As AVV de Magalofes, AVV de Limodre e ACRD Liga Amigos, cada entidade cunha achega de 1.000 euros, pola organización da Festa do Poldro, Festa da Orella e Romaría do Camiñante, respectivamente. O CPI A Xunqueira tamén se inclúe na lista con 3.809 euros para apoio á First Lego League e o IES Fene, con 3.036 euros para a realización de actividades de interese educativo.

Institucional

Publica o teu comentario agora