Un xantar deslocalizado con viandas locais

Polbo á feira e carne ao caldeiro no xantar da Semente de Trasancos
19 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un xantar deslocalizado é aquel que facemos na casa pero compartimos con outra xente a través das redes. O menú sae da mesma cociña. As circunstancias obrigan.

Unha das facetas da escola en galego Semente de Trasancos é o seu sentido da convivencia e a implicación de todos os actores, mestras, crianzas e pais e nais, avós e avoas, como se formaran unha familia. Hai moitos momentos de convivencia ao longo do ano, o do inicio do curso é un deles.

Como a situación sociosanitaria actual impide desenvolver certas actividades en condicións normais, Semente de Trasancos organiza un xantar solidario “deslocalizado”. Ofertan un menú composto de polbo á feira e carne ao caldeiro mais sobremesa para o domingo 27 de setembro. O prezo é de 20€ por comensal. Coma sempre, hai opción vegana por encarga. Para participar hai que anotarse antes do 24 de setembro, chamado ao teléfono 671 610 203.

Qué significa xantar deslocalizado?

Significa que van comer o mesmo pero cada quen na súa casa. Vexamos, as persoas interesadas deben procurar a comida no lugar de Albarón nº 9 de Neda o propio domingo 27 entre as 13.30h e as 14.00h. Non esquecer o tupper para recoller as viandas. Cando cada familia estea na súa mesa disposta a dar conta do polbo e da carne ao caldeiro, hai que tirar unha foto para pendurala nas redes sociais e celebrar o xantar deslocalizado.

Coma sempre, estas iniciativas teñen tamén o seu cualificativo de solidario, porque coa recadación fanse melloras na nova escola. Así que, se alguén non pode participar no xantar, pode igualmente facer unha achega na conta da Semente de Trasancos no banco Sabadell.

(Na imaxe, Iria García e Lidia Pena, da Semente Trasancos)

Sociedade

Publica o teu comentario agora