Unanimidade do Congreso para que o Goberno evite o desplome dos prezos do leite en orixe

Unanimidade do Congreso para que o Goberno evite o desplome dos prezos do leite en orixe

22 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG de instar ao Goberno a adoptar todos os mecanismos de intervención previstos na lei que eviten o desplome dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, co obxectivo de impedir o abandono de moitas explotacións agrarias.

A sesión plenaria da Cámara Baixa debatía unha moción da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, cunha serie de medidas para mellorar a situación dos prezos lácteos pagados aos produtores. A parlamentaria nacionalista logrou a unanimidade ao pactar unha transaccional con todos os grupos parlamentares, agás o PP, en base ás propostas plantexadas polo BNG. O acordo recibiu os 342 votos a favor dos parlamentares presentes na Cámara.

Os sete puntos do acordo baséanse na mellora da regulación do prezo de referencia para o leite. Así, emprázase ao Executivo a que defenda diversos aspectos no seo da UE. Un primeiro sería o impulso de normativas destinadas a regular os prezos da produción leiteira para que teñan en conta diferentes criterios, como poden ser os custes de produción. Outro sería a defensa do mantemento de mecanismos de regulación dos mercados, para manter un nivel de prezos internos estable e que poida repercutir sobre toda a cadea.

Neste eido, o acordo demanda ao Goberno que aplique, co máximo rigor, as medidas contempladas na lexislación comunitaria e española, para loitar contra as malas prácticas comerciais. De igual xeito, solicítase a posta en marcha, en colaboración coas Comunidades Autónomas, dun programa de control do leite comercializado no Estado español para mellorar a transparencia da produción e comercialización do leite, tanto internamente como a procedente de intercambios comunitarios. “Os produtos obxecto de intervención serán controlados polo Organismo Nacional de Intervención, FEGA, que garantirá que estes non retornen fraudulentamente ao mercado”.

Informe sobre as causas da baixada dos prezos e presentalo no Congreso

Outra das demandas é a creación dun informe sobre as causas que provocan a baixada dos prezos do leite en orixe, así como a negativa dalgunhas empresas a continuar recollendo a produción láctea. Dito Informe deberá ser presentado no Congreso.

Por último, o acordo establece que intensifiquen as accións para que a organización interprofesional láctea sirva como institución representativa dos intereses do sector, coa finalidade de tomar decisións como a implantación e extensión en todo o territorio estatal do contrato tipo homologado para o subministro de leite, o establecemento da metodoloxía máis axeitada para a orientación do prezo e vixilancia dun código de boas prácticas para evitar comportamento desleais.

Páganse prezos por debaixo dos custes de produción

Na súa intervención en defensa da moción do BNG, Davila puxo de manifesto a grave crise pola que atravesa este sector motivada “fundamentalmente pola caída dos prezos en orixe”. Advertiu da necesidade de adoptar medidas, xa que en Galicia, o ano pasado, “pecharon 1200 explotacións, e como advirte o sector, serán máis de 3000 explotacións as que pechen no futuro se non se lle pon remedio”.

Subliñou o lugar destacado e o peso do sector lácteo galego, que é o que máis produce no Estado. “Para nós é un sector estratéxico que debe ser defendido”.

Lembrou que desde que “esta deputada interpelou sobre este tema á Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural hai quince días, vimos como o conflito do leite foi motivo de noticia nos medios de comunicación pola manifestación dos gandeiros en Madrid”. Enfatizou o feito de que o prezo pagado aos produtores está por debaixo dos custes de produción.

Sociedade