Unha biblioteca sobre rodas percorrerá 51 concellos lucenses fomentando a lectura entre os nenos

Unha biblioteca sobre rodas percorrerá 51 concellos lucenses fomentando a lectura entre os nenos

23 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A iniciativa forma parte de Cultura Aberta, un programa de actividades que promove a Deputación para todo o verán. Dende xullo ata setembro este proxecto que nace co nome de “Cultura sobre rodas” achegaralles ós máis pequenos o mundo da lectura relacionada co medio ambiente. A cicloblibioteca ten como obxectivo concienciar ós nenos do coidado do patrimonio natural

O contacontos encargado de cociñar as historias será “Seteventos”. Este personaxe alimentará a imaxinación dos cativos con contos que agochan a intención de trasmitirlles o respeto pola natureza e polo patrimonio natural lucense e galego.

A actividade está a disposición de todo aquel concello que o solicite, sufragado íntegramente pola Área de Cultura da Deputación.
A dinámica que segue esta actividade divídese en tres fases: primeiro, a ciclobiblioteca percorre as vilas a xeito de pasarrúas mentres anuncia o lugar e o comezo da actividade; despois, instálase durante unha hora para poñer a disposición daqueles que o desexen os libros, e mais tarde será o turno do contacontos “Seteventos”.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, augurou que máis de 3.000 persoas participarán nesta actividade, no caso de repetirse as cifras do ano pasado. Estas iniciativas son, segundo Antón Bao, un xeito de “democratización da cultura” que permiten achegar este tipo de programación cultural a concellos que por razóns xeográficas ou socioeconómicas permanecían á marxe destas.

Sociedade