Unha boa historia ben contada

Unha boa historia ben contada
09 de Abril, 2021 - 11:46 h. | Publicada por Radio Fene

A actriz María Mera é a cara máis visible do éxito da serie galega "O sabor das margaridas". O papel de Rosa como tenente da Garda Civil marca un antes e un despois na súa carreira como actriz.

ESCOITA O PODCAST:

Van pola segunda temporada e non se descarta unha terceira. Ao menos iso desexa a actriz María Mera, protagonista da exitosa serie “O sabor das margaridas” dirixida por  Ghaleb Jaber, un thriller psicolóxico que se emite na TVG e Neflix. Ten dúas temporadas pero non se descarta unha terceira. “Depende dos espectadores” declara María Mera, consciente do éxito que non agardaban da serie que protagoniza, sobre todo porque non tiña promoción nin un alto presuposto. Pero Mera conclúe que “quere dicir que estamos diante dunha boa historia e que está ben contada”.

Toda a serie rodouse en Galicia, en Vedra, A Estrada, Monforte…Afirma a actriz que Galicia ten moi boas paisaxes e boa materia prima, en relación á parte humana. “Nin o idioma nin onde vivimos é un problema” afirma María Mera para quen o papel de Rosa en “O sabor das margaridas” supón un antes e un despois na súa carreira, un reto interpretativo e un papel que para ela foi un agasallo. Xa traballara en series como “Matalobos” e en películas como “ El desconocido”. Non se presta a elixir cine ou series porque di que non teñen nada que ver. Si ben recoñece que no cine gózase máis o personaxe porque hai máis tempo para traballalo, cousa que non pasa nas series, que van moi rápido.

María Mera ten un papel ben dramático nesta serie que arrasa en Inglaterra e Irlanda, pero non lle fai ascos a un papel cómico. É máis, tenlle ganas. “Sei que é difícil pero quero facelo”.

 

 

(María Mera nun fotograma da serie "O sabor das margaridas")

Cultura

Publica o teu comentario agora