Unha década do falecemento de Ana Kiro

Unha década do falecemento de Ana Kiro
24 de Setembro, 2020 - 01:12 h. | Publicada por Radio Fene

Durante trinta e catro anos percorreu os escenarios coa música galega. Defendeu a nosa lingua en tempos dificiles. Tamén se mantivo firme na loita polos dereitos das mulleres. Ana Kiro morreu hai dez anos.

 

ESCOITA O PODCAST:
Vinilos da cantante Ana Kiro

A cantante e comunicadora de Arzúa Ana Kiro faleceu ás 12.30 do mediodia do 24 de setembro do 2010 no seu domicilio de Mera (Oleiros), vítima dun cancro. A capela ardente instalouse no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. Precisamente este foi o último escenario no que cantou a artista galega. Alí interpretou no ano 2007, durante unha multitudinaria homenaxe a toda a súa carreira, a canción Alecrín en compañía de Xosé Ramón Gayoso.

O seu nome real era María Dores Casanova González. Nacera en Castañeda (Arzúa), pero a súa carreira comezou en Barcelona, onde a súa familia emigrara. Considerada a raíña da canción galega, editou máis de trinta discos ao longo dunha prolífica carreira. Tamén foi presentadora e actriz, toda unha icona para varias xeracións de galegos que a viron en centos de escenarios de todos os tamaños ao longo e ancho da xeografía galega. A súa carreira tamén tivo ampla repercusión máis aló de Galicia. Actuou en Europa e en América, en lugares onde a emigración galega ten ampla presenza.

Comezou a cantar en Barcelona, na emigración, en 1973 coa súa mítica canción Galicia terra meiga. Este tema, que foi composto por Manuel Muñiz a partir dunha peza tradicional galega, foi publicado polo selo Olimpo e del vendéronse uns cen mil copias. Outro fito na súa carreira foi unha das súas actuacións en América, ante 24.000 espectadores, unha cifra que até entón só fora superada en terras americanas por outro cantante español: Manolo Escobar.

"Se teño fillos deixarei de cantar. Adicareime a cantar nanas" afirmou Ana Kiro no libro de Sotelo Blanco "88 gallegos". Nos seus anos de mocidade relacionabas con José Guardiola, Mary Santpere, Joaquín Prats ou Laura Valenzuela. Tivo primeiro como nome artístico o de “Ana María Quiroga”. Nun festival adicado ao fútbol, un manager considerou esa denominación como inadecuada para cantar “Pontevedra Twist”. Bautizouna como Ana Kiro.

A xente cantou con Ana Kiro e a despediu con atronadores aplausos, dicia Nonito Pereira despois dun multitudinario homenaxe a Pucho Boedo no Pabillón de Deportes da Coruña en marzo de 1980. Foi unha das pioneiras da música pop e con Galicia Terra Meiga estivo varios meses nas listas españolas de superventas. As súas cancións en galego arrasaban nas colonias de emigrantes. Os seus casetes reinaban nas guanteras do parque automobilístico galego.

Xoan Rubia, Xil Rios e Ana Kiro recibiron en 1976 a "Vieira de prata" da agrupación de emigrantes de México "A Nosa Xente". Pola súa difusión da música galega.

Percorreu innumerabeis centros galegos da emigración e actuou en numerosas festas por toda Galicia. Era tamén habitual a súa participación desinteresada en festivais benéficos de todo tipo, durante case 50 anos de vida artística.

Dicia Nonito Pereira en 1982 nun artigo xornalístico: "Ana Kiro, unha das cantantes galegas con máis carisma, e que segue ostentando o adxetivo da máis taquilleira, actuou e entusiasmou ao público coa orquestra Raices".

Nas festas de Pascua de Estaca de Bares de 1981 anunciaban "a espectacular actuación por primeira vez na zona da famosa cantante Ana Kiro". Levou o galego por bandeira, co sentimento e o corazón que poñen nas cousas, as persoas emigrantes.

Cultura

Publica o teu comentario agora