Unha das cimeiras da oratoria en galego

Unha das cimeiras da oratoria en galego
15 de Novembro, 2018 - 12:48 h. | Publicada por Radiofusión

 

“Amosar ao gran público unha das cimeiras da oratoria en lingua galega, un discurso moi emblemático porque resume as angueiras de toda unha xeración. Non se pode entender o Alba de gloria, sen entender as emocións que suscitou no público asistente” afirma o comisario da mostra sobre o discurso de Castelao, Manuel Gago.

 

ESCOITA O PODCAST:
Os irmandiños tamén aparecen na exposición sobre Alba de gloria

“Hai poucas mulleres e científicos entre os personaxes citados por Castelao e por iso propoñemos ás persoas visitantes unha reflexión sobre a xente importante na historia e na tradición de Galicia” apunta Gago que conclue “é moi importante que a xente se achegue á realidade virtual a través da lingua galega”. Castelao pronunciou o discurso “Alba de gloria” en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948. Cúmprense setenta anos dese feito, e o Consello da Cultura Galego conmemorao cunha exposición na que se da vida en tres dimensións á Santa Compaña que describía o dirixente do Partido Galeguista, daquela exiliado en Arxentina. Alba de Gloria, comisariada por Manuel Gago, é unha experiencia con interpretacións dramatizadas, infografías interactivas e material audiovisual. Preséntase un labirinto de figuras a tamaño real, cobrando vida. A tecnoloxía do século vinteun dota de vida ao pensamento nacionalista do século vinte. A persoa visitante da exposición ve pasar ao seu lado á Santa Compaña dos persoeiros cruciais na tradición e na historia de Galicia. Tamén fala cun Castelao reconstruido en tres dimensións. A mostra permanecerá aberta no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela ata o tres de febreiro.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora