Unha monstra da literatura galega

"Somos os monstros" de Paula Carballeira acadou o premio Manuel María de literatura dramática infantil.
15 de Novembro, 2018 - 11:46 h. | Publicada por Radio Fene

Paula Carballeira gáñao por terceira vez nas dez edicións que leva o premio Manuel María. Fíxoo cos títulos "Boas noites", "O refugallo" e agora con "Somos os monstros"

Entréganllo o domingo 2 de decembro en Pontevedra, no marco da feira Culturgal. Paula Carballeira gaña por terceira vez o Premio Manuel María, con " Somos os monstros". O galardón pretende estimular a creación literaria para teatro en Galicia. Ademais da dotación económica, cabe a posibilidade de que a obra sexa publicada. Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Laura Tato e actuaron como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. O seu ditame foi emitido tras valorar as trece candidaturas presentadas ao certame. É a terceira ocasión na que Paula Carballeira se fai co Manuel María de literatura dramática infantil, despois de gañalo na primeira convocatoria en 2006 con "Boas noites" e con "O refugallo" na edición de 2011. Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión , incidindo en que a obra ten posibilidades de ofrecer un xogo escénico tan dinámico como o xogo infantil no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral”. A autora fenesa aborda o mundo dos monstros que, dí, “ moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”. Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro, como membro da compañía Berrobambán dende 1996 e como directora e actriz doutros proxectos. Na narración oral leva máis de vinte anos e é autora de numerosos libros, como O refugallo e Boas noites, Paco, O silencio, A burra Ramona, e un longo etcétera. Participa en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, sen esquencer a súa incursión en series da TVG.

Cultura

Publica o teu comentario agora