Unha noite de vodas para non esquecer

A historia do barrio de San Valentín empeza cunha voda.
10 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

O barrio de San Valentín en Fene está rexurdindo nos últimos tempos. É verdade que os primeiros habitantes van avellentando pero hai unha inxección de xuventude que veu vivir á zona desde que as vivendas poden venderse e se construíu o novo edificio de Mercadona. “Volve ser unha urbanización alegre” asegura a concelleira e veciña do barrio, Ana Basoa quen, xunto a un dos primeiros moradores Manuel Veiga, pon dous retos; a permanencia do centro comercial e das oficinas da entidade bancaria.

ESCOITA O PODCAST:

A noite de vodas

Manuel Veiga Vilariño é memoria viva da evolución de San Valentín desde que ocupou unha das dúas primeiras vivendas xunto a Pedro Abeal. Veiga lembra perfectamente o día que lle deron as chaves porque ese mesmo día, o 20 de marzo de 1971, casou e pasou a noite de vodas no novo piso, sen auga nen luz. Serviron entremeses, callos e carne asada aos invitados ao banquete que se celebrou en Valón. Os noivos escaparon a iso das sete da tarde para o seu niño de amor en San Valentín. Non sabemos se Manuel a colleu no colo para pasar o umbral pero si sabemos que ás catro da madrugada sorprendeu á parella un boreo na rúa que respondía ao provocado por un grupo de amigos que seguían de festa despois de pasar por Cedeira. Subiron ao novo piso e seguiron celebrando con champaña ata as seis da mañá. Para non esquecer.

Creación da cooperativa.

En 1967 celebrouse a asemblea xeral na que se formou a cooperativa presidida por Maximino Souto. Infórmanos Ana Basoa dos pasos dados para a formación do barrio que é hoxe. 384 vivendas ubicadas nun recheo de 64.000 metros cadrados. En 1970 acabouse a primeira fase, ubicándose nos baixos, un colexio de infantil e un salón de actos. Vinte meses durou a construcción da segunda fase con 240 vivendas inauguradas en 1972. En xullo de 1975 entregábanse as últimas e en 1976 créase a parroquia de San Valentín que antes pertencía a Perlío. Lembra Manuel Veiga as carencias do barrio nos primeiros tempos. Non había trazado das rúas nin alcantarillado. A auga procedía duns pozos. “Pero hoxe en día é a envexa de Fene porque chegamos a ter moitos servizos e é moi cómodo. Eu non cambiaría San Valentín por nada” declara Veiga quen conta que en dez minutos estaba no chollo e así durante 41 anos. Escalonadamente fóronse abrindo tendas, o colexio A Xunqueira, o pavillón polideportivo, a cooperativa de transporte Vieiro, o estanco, as oficinas bancarias.

Un barrio moi dinámico e unido

E aí chegan as reclamacións. “Non poden marchar do barrio nin Abanca nin Mercadona porque vive aínda moita xente maior que necesita eses servizos. Tamén citan o economato. Como nena que se criou no barrio, Ana Basoa lembra os tempos da mocidade como de gran dinamismo, moita unidade, iniciativas como guateques, festivais, excursións e moito deporte ( balonmán, atletismo, ping-pong, baloncesto, ciclismo, futbol sala). Na memoria están gravadas a lume as Olimpíadas que naceron en 1977 para reivindicar infraestruturas deportivas. Tamén a pelexa para que se construira o colexio diante das trabas que poñía un insensible goberno central.

“Non era difícil facer amistades porque nos coñeciamonos todos. Eramos de Astano” explica un Veiga nostálxico. “A evolución foi enorme pero houbo que pelexar moito” sentencia este arzuán que chegou un dia ás Foxas, entrou en Astano con 15 anos e prexubilouse o 1 de abril de 2005, despois de 41 anos traballados no estaleiro e unha lúa de mel para non esquecer.

Sociedade

Publica o teu comentario agora