Unha novela mulata

Unha novela mulata
10 de Decembro, 2020 - 10:27 h. | Publicada por Radio Fene

"Os incurábeis" de Antonio Tizón é máis que unha novela policial. É a terceira entrega dunha saga que aborda a enfermidade mental e tenta desmitificala. Carlos Aguado, Eva Mazás e Henrique Sanfiz falan co autor no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión. 

ESCOITA O PODCAST:

“Os incurábeis” (Ed. Xerais) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxia que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuízos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que dean unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.

Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, se teñen diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terapias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradábel. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben e deixa a medicación porque as recaídas traen problemas.

Entrando na novela que nos reúne nun novo club de lectura, “Os incurábeis”, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato.  “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” apunta o escritor. Corenta bares da Coruña que aparecen na obra son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa meta-literatura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. "Hai que ter coidado en como se construe o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben”.

(Foto de Xanxé Corral)

Cultura

Publica o teu comentario agora