Unha oportunidade?

Unha oportunidade?
11 de Maio, 2020 - 11:04 h. | Publicada por Radio Fene

Esta crise sanitaria pode conlevar unha oportunidade para o turismo rural. Falamos con Begoña de Bernardo, da Casa Pousadoira de Callobre en Miño (A Coruña)

ESCOITA O PODCAST:

A casa Pousadoira de Miño está preciosa en pleno ecuador da primavera. Recoñéceo a súa dona, Begoña de Bernardo, quen pasou o confinamento coidando da horta ecolóxica e do entorno da casa de turismo rural. "Non quedou outra despois de ter que cancelar todas as reservas que tiña para abril, maio e xuño"  explica. Por iso, a pesar de que desde hoxe pode abrir ao público cunhas determinadas restricións, ela vai agardar unhas semanas máis.

Esta crise sanitaria pode ser unha oportunidade para o turismo rural, unha vez que a xente non pode viaxar moi lonxe. "Poñerase en valor o destino máis próximo, ecolóxico e sustentable". De feito ven de participar nunha xuntanza  telemática de Ecotur na que fixeron unha valoración neste sentido de cara ao verán. A Casa Pousadoira dispón de cinco cuartos. As actuais condicións de aforo farán que os clientes non podan almorzar ou cear xuntos no comedor, tendo que facelo por quendas. Extremarán as medidas de hixiene e limpeza e quizás precise empregar a alguén no verán para axudala. Begoña de Bernardo ten unha horta ecolóxica de autoconsumo para a casa.

Impórtalle moito a natureza por iso a súa gran esperanza é que esta crise nos faga reflexionar sobre o necesario cambio de rumbo do noso consumo, da nosa voracidade. “É un bo momento para reflexionar, individual e colectivamente” conclúe a nosa convidada.

Cultura

Publica o teu comentario agora