Unha pinga de auga no mar das músicas tradicionais

Unha pinga de auga no mar das músicas tradicionais

14 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Un total de doce temas compoñen o traballo discográfico de Os Minhotos que pretende ser,  “unha pinga minhota que contribúe a crear ese inmenso mar das músicas feitas neste país”. Moitos dos temas incluidos no CD Pinga d'auga son arranxos de temas tradicionais pero tamén hai temas de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes de diversas formacións.

O grupo lucense Os Minhotos presentou o seu traballo discográfico Pinga d'auga. O disco contén doce temas nos que se misturan gaitas en diferentes tonalidades, acordeón, zanfona e multitude de instrumentos de percusións. E o primeiro disco do quinteto formado por músicos de Lugo e da Terra Chá. Os integrantes do grupo presentaron o CD “como non podía ser doutra maneira” na rúa do Minho, no Paz odas Pombas. Durante o acto de presentación, explicaron como fora o proceso de creación que deu como froito esta PINGA D´AUGA e interpretaron varios dos temas recollidos no disco.

 

 

 

Xaneco Tubío fixo un percorrido pola orixe do grupo “formado por xente que sempre estivo moi ligada á música tradicional e ao traballo nas asociacións culturais”. Ademais todos os compoñentes de OS MINHOTOS contan con formación en escolas de música e conservatorios ademais de manter, algúns dos compoñentes, unha estreita relación coa construción de instrumentos.

 

Pola súa banda Alberto Castro presentou aos compoñentes de grupo facendo un percorrido polo curriculo musical de cada un deles. Vitor Otero explicou, na súa intervención, a filosofía do grupo, os proxectos de futuro, e como con este traballo OS MINHOTOS pretenden “aportar unha pinga de auga ao mar da música galega vertendo nos ríos do son a nosa estética”.

 

Paula Fernández falou da ducía de temas que compoñen o disco. Temas nos que “se misturan os temas tradicionais cos de autor” e tamén “arranxos de temas recollidos nos cancioneiros”. PINGA D´AUGA contén pezas que foron interpretadas ou creadas “por persoas que xogaron un papel transcendental na formación, como músicos, dalgúns compoñentes d´os Minhotos” este é o caso do mestre Enrrique Candal ou, do avó de Bruno, Ramiro Villamor.

 

Antes de interpretar varios temas, Bruno Villamor falou do proceso de creación do disco, tanto na parte musical como no deseño da embalaxe do cd. Bruno agradeceu o traballo “de quen é o sexto Minhoto, Oscar Trigo, que fixo da gravación musical algo moi sinxelo e agradable”. Bruno Villamor agradeceu tamén o traballo dos colaboradores que interviñeron na gravación e “a xenerosidade do fotógrafo Vicente Ansola”.

 

 

Os compoñentes de OS MINHOTOS son:

  • Alberto Castro: Gaita, Pandeiro, Pandeireta, Bombo
  • Bruno Villamor: Gaitas (Re, Do, Sol), Zanfona, Requinta, Pandeireta, Tamboril.
  • Paula Fernández: Acordeón.
  • Vitor Otero: Zanfona, Gaita, Percusións.
  • Xaneco Tubío: Tamboril, Pandeiro, Pandeireta, Tixoletas, Ferriño, Bombo

 

Cultura