Unha primavera para Aldara, algo máis que risa fácil

Unha primavera para Aldara, algo máis que risa fácil

20 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O teatro tamén terá o seu oco neste entroido coa representación mañá sábado no multiusos da Xunqueira da obra Unha primavera para Aldara a cargo da compañía Teatro do Atlántico. Unha obra situada no s. XV no interior dun mosteiro galego e que nos vai presentar unha acción alonxada das típicas comedias de situación.

Con todo, unha das súas actrices, Belén Constenla entende que o público redondelán por tradición está preparado para obras onde se busque algo máis que a risa fácil. Por este motivo recomenda achegarse a esta representación onde Teatro do Atlántico leva sobre as táboas a obra de Teresa Moure gañadora do Premio Rafael Dieste de teatro.

 

 

A obra, cunha sólida estrutura dramática sitúanos nun cenobio no ano 1465, onde as monxas que alí habitan están a atravesar un momento difícil mentres no exterior se produce a revolta irmandiña. Nese contexto, chega ao mosteiro un cabaleiro irmandiño, interpretado por Belen Constenla.

 

 

A representación será ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 4 euros para o público en xeral mentres que os estudantes e xubilados só terán que aboar dous euros.

Cultura