Unha romaría do Camiñante online

Unha romaría do Camiñante online
03 de Xuño, 2020 - 10:38 h. | Publicada por Radio Fene

A cafetería da Liga de Amigos de Barallobre reabrirá o 8 de xuño despois dunha pequena reforma.

ESCOITA O PODCAST:

A presidenta da Liga de Amigos de Barallobre amósase cauta á hora de prognosticar como volverán á normalidade despois da crise sanitaria. De momento, a celebración da romaría do Camiñante, que sempre é no mes de xullo, está no ar. O Monumento ao Camiñante Descoñecido inaugurouse en Barallobre o primeiro domingo de xullo de 1934 e desde aquela a comezos do verán se celebra unha romaría conmemorativa. Chancea Dolores Fernández con que “vai haber que celebrala en liña”. As escolas que imparte a sociedade de Barallobre non retomarán a actividade probablemente ata setembro. Lembramos con ela a última cita multitudinaria na Liga de Amigos, o concerto de María do Ceo o 28 de decembro de 2019.

Aínda así, a Liga collerá un sopro de vida coa apertura da cafetería o próximo día 8 de xuño. Abrirá con nova cara despois do seu pintado e doutras pequenas reformas. “Queremos facer as cousas ben. Estamos á expectativa a ver como evoluciona todo” afirma Dolores Fernández, á vez que confesa que pasou o confinamento pintando e entreténdose na horta. E fai unha brincadeira: “A xente tolea por volver ás aldeas”.

(Na imaxe, a directiva da Liga de Amigos con María do Ceo)

Cultura

Publica o teu comentario agora