Unha sorpresa para o mundo literario galego

Unha sorpresa para o mundo literario galego

16 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Foi unha sorpresa para o mundo literario galego, o premio Blanco Amor do pasado ano. Descoñecíamos a actividade criativa de Ignacio Vidal Portabales, profesor de Dereito Mercantil da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela" afirma o director de Edicións Xerais Manuel Bragado, referíndose ao autor de Dióxenes en Dolorida.

A novela trata dunha forma innovadora e moderna un tema moi vello. "No fondo narra unha historia de amor", segundo Bragado. O director de Xerais participou na presentación da novela na tarde de onte na biblioteca municipal de Fene. Ademais do autor Ignacio Vidal Portabales, tamén interviron no acto o alcalde de Fene Gumersindo Galego e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentin Garcia.

Ignacio Vidal confesou que afrontou a elaboración da novela, para perfeccionar o seu galego, para combater o insomnio e pola súa secreta admiración polo filósofo cínico Dióxenes. Os seus pais non eran de orixe galega, e él non tivo a oportunidade de escolarizarse en galego. "Despois de 10 dias de non durmir, pensou que tiña que acometer algo máis produtivo que cismar nas cousas que lle rondaban a cabeza".

"É unha novela moi interesante, que enfoca unha das cuestións máis visitadas da literatura, a relación entre os homes e as mulleres, é unha gran historia de amor, pero o seu gran acerto reside en facelo, dunha forma moderna e innovadora. Cada un dos protagonistas elabora o seu caderno coa perspectiva particular dos tolos protagonistas".

Mistura o humor, baixo todas as modulacións, como ironia, retranca, oposición de contrarios, situacións disparatadas, e leva a realidade ata o esperpento.

“Dioxenes en Dolorida” alcanzou o premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, entregado en Sillobre (Fene A Coruña) no pasado ano 2012. Agora chegou ás librerías da man de Edicións Xerais.

Sociedade