Unha tertulia sobre Vidal Bolaño abre a programación de xuño do Teatro Jofre de Ferrol

Unha tertulia sobre Vidal Bolaño abre a programación de xuño do Teatro Jofre de Ferrol

02 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Roberto Vidal Bolaño foino todo no teatro galego. Actor, director, promotor e autor teatral, tivo ademais o acerto de engarzar a tradición e o teatro de antes da guerra coas propostas máis innovadoras. O vindeiro venres represéntase no Teatro Jofre de Ferrol a súa Bailadela da morte ditosa. Mañá mércores unha tertulia no ambigú do teatro debullará a xestación dunha obra que resultou ser un canto á liberdade

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, anunciou esta mañá que a danza, xunto co teatro e a música, serán os principais reclamos da programación do Teatro Jofre e do Centro Cultural Torrente Ballester para o mes de xuño. Xunto ao asesor cultural, Roberto Taboada, a edil daba conta de todas e cada unha das actuacións previstas e destacaba especialmente a presenza na cidade dun dos grupos folk máis internacionais do panorama galego: “Luar na Lubre. Polo miúdo, Mercedes Carbajales explicaba que Luar na Lubre chegará a Ferrol o venres 19 de xuño para ofrecer no Jofre o seu directo a partir das 20.30 horas. Unha actuación posible grazas á colaboración da Fundación Caixa Galicia. Interpretarán sobre o esceario o seu último traballo discográfico: Ao Vivo, un disco que recolle as 18 cancións que interpretaron en xaneiro no Teatro Colón da Coruña: Clásicos da súa discografía como “Tú, gitana”, “O son do ar” e “Chove en Santiago”; un tema inédito titulado “Axéitame polainiña”, e tres colaboracións moi especiais de amigos como Luz Casal, Diana Navarro e Pedro Guerra. O prezo das entradas: 15, 12 e 6 euros.

 

Pero antes da chegada desta formación á urbe naval, o Jofre abrirá a programación do mes de xuño coa tertulia teatral sobre a peza de Teatro de Ningures “Bailadela da morte ditosa”. Da man da Agrupación de Amigos do Jofre, o crítico teatral de A Nosa Terra, Manolo Xestoso, e os actores e actrices da compañía Casilda García, Pepa Barreiro e Salvador del Río debullarán como se xestou esta obra escrita polo dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño. Será mañá mércores, 3 de xuño, ás oito do serán, no Ambigú do teatro e con entrada libre e gratuíta. Unha actividade, tal e como explicaba a edil, que servirá de prólogo á posta en escea da obra o venres 5 de xuño, a partir das 20.30 horas. Un espectáculo sobre a morte e un canto á vida digna, á liberdade e ao amor. O prezo das entradas: 10, 8 e 3 euros.

Un día máis tarde, o sábado 6, a Agrupación Artística Ferrolá “Bohemios” presentará no anfiteatro ferrolá o CD “Viaxe musical”. Un traballo que ve a luz con motivo do seu 20 aniversario e que amosarán ao público da cidade de xeito totalmente gratuíto a partir das oito e media da tarde. Tamén no eido musical, cómpre subliñar o concerto que ofrecerá na cidade a Orquesta Nueva Filarmónica de Colonia. Unha formación, segundo destacaba hoxe o asesor cultural, Roberto Taboada, de alto nivel e cun programa no que se inclúen pezas de Vivaldi, Mozart e Tchaikovsky. Será o xoves 25 de xuño a partir das 20.30 horas. Pero sen dúbida, o mes de xuño será o mes da danza no Teatro Jofre. Profesionais e amateurs se darán cita neste espazo cultural para amosar os seus traballos. Así, o afamado bailarín Quique Peón se subirá ás táboas do teatro para ultimar os detalles técnicos do seu próximo espectáculo “Ovay”. Tras catro días de probas preparatorias e totalmente de balde ofrecerá un ensaio aberto á cidadanía o vindeiro xoves 4 de xuño, ás doce da mañá e ás sete do serán. E, ao fío, Taboada avanzou que logo da estrea o vindeiro 13 de xuño no Salón Teatro, Quique Peón voltará á urbe naval o 18 de outubro para amosarlle ao público da cidade o seu traballo. A continuación lle tocará o turno ás escolas de danza da cidade, que celebrarán as súas festas de fin de curso no Jofre, nun intento  por abrir os contenedores culturais municipais ás correntes e movementos artísticos da urbe naval. Así, o xoves 18 de xuño actuará o Estudio de Danza Allegro, mentres que o sábado 20 corresponderálle á escola de “Suso Pérez Lago”, ambos a partir das oito e media do serán. E, na xornada do domingo, fará o propio “Mundo Danza”, pero nesta ocasión a partir das sete da tarde. O prezo das entradas nun e noutro caso é de tres euros. E volvendo ao eido profesional, os alumnos do Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña representarán a peza “O café da estación”. Será o venres 26 de xuño, a partir das 20.30 horas e totalmente de balde. Dous días máis tarde, a compañía Gelabert Azzopardi estrea “Glimpse”.O Jofre acollerá a última producción do Centro Dramático Galego “Dunas”. Un cabaret fantástico escrito por Manuel Lourenzo e dirixido por Quico Cadaval. Será o sábado, día 13, a partir das 20.30 horas con entradas ao prezo de 10, 8 e 3 euros. Un día despois, o domingo 14, as portas do teatro se abrirán para acoller a posta en escea da representación gañadora da IX edición do ciclo de teatro aficionado Domingos a Escea. Unha obra elixida polo propio público que domingo a domingo asistiu ao Centro Cívico de Caranza e que leva por título “R.I.P. Marandaina”, a cargo do Grupo de Teatro O Bordelo de Cervo.E, á marxe da programación de cara ao público, o Teatro Jofre se convertirá durante dúas xornadas, o martes 9 e o mércores 10, nun improvisado estudo de grabación. O artista local Pablo Seoane se instalará no anfiteatro ferrolá xunto co seu trío para gravar o seu último traballo discográfico. Neste senso, a edil de Cultura subliñaba que tanto esta actividade como a residencia de Quique Peón constitúen unha aposta do Concello de Ferrol pola producción. Así, explicaba que as extraordinarias cualidades do Teatro Jofre constitúen un reclamo de excepción para moitos artistas que, ademáis de exhibir ante o público da cidade os seus traballos, acuden para ultimar as súas creacións.Ao tempo que avanzaban a programación do Teatro Jofre para o mes de xuño, Mercedes Carbajales e Roberto Taboada ofrecían algunhas pinceladas do cartel de actividades previsto polo departamento de Cultura para o outro gran contenedor cultural da cidade: o Torrente Ballester. Un espazo no que continúa o ciclo Novas Noites, tódolos xoves, a partir das dez da noite e ao prezo de dous euros. Así e para este mes, está prevista a actuación do grupo Los Eternos. Un dos máximos expoñentes na comarca do denominado country e bluegrass. Esto será o día 4, mentres que o 11 lle tocará o turno ao soul e bossanova de Najla&Lorenzo. O 18 a capela do Torrente, convertida en café-concerto, se encherá co rock de Graham Foster. O mes pecharase cunha homenaxe a Bruce Springsteen a cargo de DeBosses, que actuará o día 25.Asemade, o programa para este mes de xuño inclúe tamén teatro e danza. No primeiro caso a cargo de Teatro Ensalle, que acudirán coa peza “La estrategia de la avestruz”. Será o venres 12, ás oito e media da tarde. Tamén co espectáculo de Nut Teatro titulado “Corpos desidentes” nunha sesión dobre o venres 26 e sábado 27, tamén ás 20.30 horas. E no segundo, a compañía Disquedanza achegará a producción “Des-memoria2”. Un espectáculo que terá lugar o 19 de xuño a partir das 20.30 horas. O prezo das entradas nos dous casos é de cinco euros.

Cultura