Unha vella demanda veciñal

Fene vai actuar no camiño de Ameneiro en Sillobre
16 de Outubro, 2019 - 08:44 h. | Publicada por Radio Fene

As obras do camiño de Ameneiro foron adxudicadas por un importe superior a 40.000 euros ao abeiro do plan de mellora de camiños que promove Agader.

Fene adxudicou as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre cun investimento de 40.472,36 euros. Unha partida que a Administración local financiará ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A intervención supón unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada.

En 2018, a Concellería de Servizos realizou unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno incluía a actuación agora adxudicada nesta liña de axudas. Para iso, establecía neste punto o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro. Deste xeito, actuarase ao longo de 450 metros, e ancho variable. O vial dá acceso, dende a estrada CP-1503, aos núcleos de A Curveira e Vrea e as obras dividiranse en dúas fases: dende o P.K. 0+000 ao P.K. 0+258,614 e dende este último ao P.K. 0+450.

Institucional

Publica o teu comentario agora